A Deputación oferta 370 prazas nas actividades dirixidas ao Medio Ambiente

O deputado de Medio Ambiente, Manuel J. González Capón, presentou esta mañá no salón de actos da Deputación o programa de actividades organizadas dende a área da que é responsable para este último trimestre do ano e a través das que ofertan un total de 370 prazas.

González Capón explicou que esta programación divídese en catro bloques de actividades e oferta iniciativas de posta en valor dos recursos naturais lucenses para todas as idades. O primeiro dos bloques céntrase nos valores da etnografía ligados aos recursos dos que se pode gozar nas dúas Reservas da Biosfera e o segundo versa sobre as boas prácticas e correctos usos dos recursos agrícolas, forestais e gandeiros.

Mentres que nos outros dous bloques, nun deles ten especial protagonismo a micoloxía e o outro comprende obradoiros medio ambientais e de Nadal. As actividades son gratuítas con aforo limitado. É preciso facer reserva previa a través da páxina www.deputacionlugo.org e para calquera tipo de información disponse do teléfono 982 22 78 12.

Cursos sobre etnografía

O deputado considera “oportuno dedicar na programación un apartado á etnografía, xa que foi, dentro da Declaración da Unesco como Reserva da Biosfera Terras do Miño, un dos puntos principais a ter en conta polas súas características”. Así, ofértanse tres obradoiros: o de iniciación e primeiro contacto coa etnografía; un novo curso no que se profundizará máis no tema e, para finalizar, celebrarase “unha conferencia- interactiva no Mazo de Santa Comba, patrimonio etnográfico clave na Reserva”, indicou.

En todas as actividades, explicaranse conceptos básicos sobre a etnografía, a súas técnicas e ferramentas, e asemade traballarase nun caso práctico no lugar no cal se celebre o obradoiro.

Correcto uso dos recursos agrícolas, forestais e gandeiros

O segundo bloque céntrase nas boas prácticas e correctos usos dos recursos agrícolas, forestais e gandeiros na provincia. Neste apartado, ofértanse dúas actividades. A primeira delas trátase dunhas xornadas de silvipastoreo, é dicir, unha forma de aplicación dos sistemas agroforestais no aproveitamento do gando para manter boas condicións silvícolas nos montes e ao mesmo tempo evitar o risco de incendios obtendo unha rendibilidade económica mediante o gando.

A segunda das actividades, segundo explicou o deputado, trátase dun curso de poda, “do que se ofertan dúas edicións debido á gran demanda para adquirir coñecemento nestas prácticas”.

Obradoiros para familias e pequenos da casa

O terceiro bloque da programación inclúe tres actividades: un obradoiro ambiental de outono ‘Unha Casa para o Inverno’, e dous máis para realizar en datas de Nadal e dirixidos aos máis pequenos da casa. O obradoiro ambiental de outono, dirixido a familias, consiste na construción de casas refuxio para morcegos e liróns. No que refire aos obradoiros para os máis pequenos, un deles é de reciclaxe, “perseguindo a concienciación e a sensibilización a través de actividades prácticas e xogos que transmitan aos nenos un modo de contribuír a conservación do planeta”; e o outro consiste nun obradoiro de Nadal no que se abordará a realización de todo tipo de decoracións navideñas con materiais reciclados e ofertaranse consellos gastronómicos para a elaboración e a decoración de doces.

Micoloxía

Dende a Deputación tamén se dedicarán dúas semanas do mes de outubro á micoloxía. Así, González Capón anunciou a oferta dun curso de iniciación e outro de perfeccionamento, que se desenvolverán no Salón de Actos da Deputación e cóntase para iso coa colaboración da Sociedade Micolóxica Lucus. Os dous cursos disporán dunha parte teórica e doutra práctica, consistente nunha saída ao campo para a observación das distintas especies no seu propio hábitat.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com