A Deputación presenta ‘Prende!’ o novo proxecto para crear emprego no rural

A Deputación de Lugo pon en marcha un novo proxecto para crear emprego xuvenil no rural e fixar poboación nas zonas máis despoboadas da provincia. Así nace Prende! Bota raíces no rural, unha iniciativa do goberno provincial que foi presentada hoxe polo presidente do Executivo, José Tomé. Este plan de emprego conta cun orzamento de 300.000 euros achegados, en gran parte, polo Fondo Social Europeo.

A intención do goberno provincial, segundo explicou Tomé, é que a xente nova “se quede a traballar e vivir no noso rural”, e de aí, que o presidente presente novas “ferramentas para conseguilo”. Así, Prende! conta con dúas fases, a primeira de formación teórica e a segunda de experiencia laboral.

A institución provincial formará a 60 mozos e mozas en catro actividades profesionais relacionadas co tecido produtivo da provincia como son Enerxías renovables (a impartir na Mariña), Hostalería e turismo (na Ribeira Sacra), Xestión forestal (na Montaña) e Agricultura e Gandeiría (que terá lugar na zona centro), todas elas actividades que contan cun gran potencial de crecemento nestas áreas xeográficas.

As persoas interesadas nunha formación que non se desenvolva na súa zona poderán participar igualmente. A maiores, tamén se ofrecerá unha acción formativa específica en autoemprego para aquelas persoas que queiran emprender o seu propio negocio. A formación terá unha duración de catro semanas, período durante o que os participantes percibirán unha remuneración de case 14€ por día.

Na segunda fase do programa, a Deputación concederá axudas a empresas vinculadas cos anteriores sectores produtivos para que contraten durante 8 meses aos mozos e mozas que recibiron a formación, e poidan así adquirir experiencia laboral. O importe da axuda que recibirán as empresas será de 4.410€ por cada persoa contratada.

Pola súa banda, os traballadores e traballadoras contratados percibirán como mínimo 900€ ao mes. Ademais, a aqueles participantes no programa que decidan emprender, a Deputación concederalles unha axuda de 5.510€ para poñer en marcha o seu proxecto empresarial. 

Prende! Bota raíces no rural está dirixido a menores de 30 anos, desempregados, que non estean a estudar. Deben estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e empadroados en concellos lucenses de menos de 5.000 habitantes ou de entre 5.000 e 10.000 que presentan un saldo demográfico negativo na última década. “Axudaremos así a combater o despoboamento precisamente naqueles concellos que máis o están a sufrir”, subliñou o Presidente da Deputación.

A Deputación prevé, segundo explicou José Tomé, que as bases para apuntarse neste novo plan de emprego queden aprobadas a finais de mes e que o período de formación comece a principios de ano.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo