" />

A Fundación TIC amplía a toda a provincia os cursos e obradoiros do InLugo

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, presentou este venres a nova programación de cursos do Centro de Innovación Social, InLugo e inaugurou a Aula de Transmisión do Coñecemento, un novo servizo destinado aos maiores da provincia.

Méndez dixo que “esta nova etapa, financiada exclusivamente con fondos da Deputación, presenta importantes novidades, xa que imos ampliar a toda a provincia os cursos e obradoiros para facilitar o uso das novas tecnoloxías a todos os maiores, independentemente do seu lugar de residencia e poñer en marcha novos servizos, como esta aula interactiva, equipada con material informático e conexión a internet, que estará a disposición de todos os lucenses de máis de 55 anos”.

Méndez avanzou que “para o segundo trimestre deste ano o InLugo convoca preto de 700 prazas, totalmente gratuítas, en 55 cursos e obradoiros, dos que 34 se desenvolverán en 12 Concellos e 10 parroquias do municipio de Lugo. En sucesivas convocatorias estas actividades para promover o envellecemento activo entre os nosos maiores a través das novas tecnoloxías, impartiranse no resto dos Concellos da provincia”.

Na sede do InLugo, na rúa Frei Plácido Lemos terán lugar, entre abril e xuño deste ano, 21 cursos e obradoiros, cun total de 273 prazas. As outras 34 actividades, con 410 prazas, realizaranse en Friol, Castro de Rei, Cospeito, Meira, Pol, Guitiriz, Castroverde, O Corgo, Vilalba, Xermade, Guntín e Muras, e en 10 parroquias do Concello de Lugo. Os cursos abordarán o manexo de diversos dispositivos como o ordenador, a tablet ou o smartphone, así como conceptos básicos para manexarse por internet ou en diferentes redes sociais.

Polo que se refire aos talleres, traballarán diferentes capacidades cognitivas e funcionais como a memoria, a atención, a orientación espacial ou o equilibrio co ordenador, a tablet ou as videoconsolas.

Outra das novidades é a posta en marcha da Aula de Transmisión de Coñecemento con ordenadores táctiles. Segundo a responsable provincial, “ademais de facilitar o acceso e uso das novas tecnoloxías, este espazo servirá de lugar de apoio e reforzo aos maiores. Aqueles que acudiron a algúns dos cursos do InLugo poderán axudar aos demais, xa que por idade e traxectoria vital, é probable que teñan máis afinidade á hora da transmitir os seus coñecementos. Tamén contarán co apoio dun docente do centro para resolverlles calquera dúbida.

Lara Méndez tamén anunciou que continuarán as titorías individualizadas e o asesoramento tecnolóxico ás persoas maiores que acudan á sede do InLugo con cita previa. Esta actividade, levada a cabo en trimestres anteriores, tivo gran éxito. Preto de 100 lucenses xa se achegaron a estas titorías para recibir unha atención personalizada e resolver as súas dúbidas tecnolóxicas.

Todas estas actividades están incluídas na actuación “Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia” que xestiona a Fundación TIC a través dunha encomenda da Deputación con fondos exclusivamente provinciais.

Xa poden realizarse as inscricións a través de www.fundaciontic.org e www.deputacionlugo.gal, ou chamando ao número de teléfono 982 225 186. Toda a información das actividades está nas devanditas webs. Os cursos teñen prazas limitadas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo