A Garda Civil desarticula unha rede de tráfico de drogas na Mariña trala detención de 6 persoas

A Garda Civil, no marco da operación Thorir contra o tráfico de estupefacientes, desarticulou unha rede de tráfico de drogas, integrada na súa maioría por cidadáns residentes na mariña lucense. A operación iniciouse tras ter coñecemento que servizos de prostitución na zona poderían estar vinculados ao consumo de estupefacientes e ao tráfico ilícito destas drogas. 

Tras a análise de movementos de persoas vinculadas á distribución de estupefacientes durante o confinamento, nos que a Garda Civil detectara que se saltaban a normativa sen causas xustificativas para a súa saída, intensificando a súa actividade no momento da  desescalada. Tras varios meses de investigación, lograron identificar aos principais integrantes da rede que foron finalmente detidos e privados dos beneficios do tráfico ilícito.

Así, coordinados co Xulgado de Instrución número 2 de Mondoñedo (Lugo), concretouse a primeira detención, un veciño de Eibar ( Guipuzcoa) de 41 anos de idade, quen se dirixía a “A Mariña Lucense”, con seis quilogramos de haxix, ocultos na roda de reposto do turismo no que viaxa con tres das súas fillas menores. 

A persoa detida contaba coa colaboración dos presuntos destinatarios, os cales varrían a zona ao obxecto de detectar presenza policial nas entradas ás localidades da Mariña, indicando os mellores días para acceder á comunidade autónoma e descartando nos que se sucederon controis na autovía A-8.

Na fase de explotación procedeuse á detención dun veciño de Foz, de 36 anos de idade, presunto destinatario para a súa distribución do estupefaciente intervido e quen se encargaba das contra-vixilancias policiais. Tras estas detencións realizouse un rexistro na vivenda deste último no que se atopou máis substancias das mesmas características aprehendidas na actuación inicial e diñeiro presuntamente procedente do enriquecemento ilícito.

Nunha segunda fase procedeuse á detención de dous veciños de Foz, de 40 e de 42 anos e un veciño de Barreiros (Lugo) de 43 anos. No caso destes dous últimos fóronlles intervidos cocaína e haxix, dispostos para a venda, achados tanto no momento da súa detención como nos dous rexistros levados a cabo nas localidades de Foz e Barreiros.

Precisamente un dos domicilios de Foz era compartido por estas dúas persoas como lugar de seguridade, achándose no rocho o lugar para a pesada, corte e distribución en dose.

Na fase final da operación procedeuse a imputar en calidade de investigado a un veciño da Caridade (Asturias) de 33 anos de idade, por participar presuntamente nun delito de coaccións, ao compartir cos outros acusados un episodio para recuperar diñeiro procedente do tráfico de drogas e servizos de prostitución.

 Tras ser postos a disposición xudicial decretouse o ingreso en prisión de catro dos investigados, dando por finalizada esta operación contra o tráfico de drogas na Mariña Lucense.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com