A praia da Marosa converteuse onte sábado nun punto de encontro para o deporte, a divulgación e as actividades vinculadas ao mar coa celebración da primeira xornada do Surfing Day Burela 2026, unha iniciativa que combinou competición, iniciación ao surf, longskae e propostas relacionadas coa conservación do medio mariño.
A presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela, Carmela López, participou nunha xornada na que o deporte feminino tivo un papel destacado. As surfistas Melania Suárez, campioa da Liga Pro 2025, e María Martín-Granizo, campioa do mundo de para surfing, impartiron unha master class e posteriormente participaron nun encontro sobre experiencia e liderado feminino.
A programación incluíu tamén bautismos de surf organizados polo Burela Surf Club, que permitiron a persoas sen experiencia achegarse por primeira vez a este deporte. Fóra da auga, os obradoiros de longskate de Aloha Escola e Skate Park completaron as actividades deportivas.
Outro dos eixes da xornada foi o debate sobre o papel das mulleres no deporte. O encontro Muller e Deporte abordou cuestións como o liderado feminino, a igualdade e as oportunidades que ofrecen o deporte e o turismo activo, poñendo o foco na importancia de contar con referentes para as novas xeracións.
A vertente ambiental ocupou tamén parte da programación. Un taller sobre a fauna e flora do intermareal rochoso, impartido por Mare Masma, Multiaventura e Medio, achegou os participantes á biodiversidade da costa, mentres que a proxección do documental Baixo as augas da Mariña-Ortegal serviu para introducir cuestións relacionadas coa conservación mariña.
A xornada, promovida baixo o nome de Iberdrola Surfing Day Burela 2026, contou coa implicación do Concello de Burela, a Deputación de Lugo e o Burela Surf Club. A programación buscou tamén vincular a actividade deportiva coa contorna e coa vida local, aproveitando a presenza de participantes e visitantes para dar visibilidade á costa da Mariña.
A segunda xornada celebrarase este domingo, con especial protagonismo para o longboard. Desde as 9.30 horas está previsto o inicio da terceira proba da Liga Nacional FESurfing de Longboard 2026, que se disputará nas categorías Open, Sub18, Master e Grand Master, xunto ao Campionato Galego da modalidade.
A competición prolongarase ata a tarde e convivirá con novos bautismos de surf e obradoiros de longskate. A entrega de premios está prevista arredor das 16.00 horas, en función do desenvolvemento das probas e das condicións do mar.






