A mostra dos 25 anos do Camiño Francés como Patrimonio Mundial chegará a Lugo, Palas de Rei e Sarria

A exposición itinerante que conmemora o 25 aniversario da inclusión do Camiño Francés na Lista Indicativa do Patrimonio Mundial da Unesco, organizada por la Consellería de Cultura e Turismo, trasladarase en próximas datas ata Lugo, Palas de Rei e Sarria tras o seu paso polo concello lucense de Portomarín, onde aínda se pode visitar ata hoxe. Trátase dunha mostra fotográfica que realiza unha retrospectiva sobre este fito que, no contexto do Xacobeo 93, supuxo un punto de inflexión na peregrinación a Compostela.

Ao longo das vindeiras semanas, a mostra itinerante recalará en Lugo, na Delegación Territorial da Xunta. A continuación, o conxunto das fotografías será trasladado ata Palas de Rei. Sarria será o cuarto municipio que recibirá esta exposición, na que foron invitados a participar todos os concellos desta Ruta Xacobea. A mostra púidose contemplar por primeira vez no Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) o pasado mes de decembro, coincidindo co acto conmemorativo deste aniversario.

A Consellería de Cultura e Turismo promove, ademais desta exposición, diversos eventos e iniciativas para celebrar os 25 anos do Camiño Francés como Patrimonio Mundial. Entre estas actividades, cómpre destacar a recente iluminación en tons azuis de preto dunha decena de monumentos ao longo deste itinerario. Isto está a permitir que galegos e peregrinos poidan ser partícipes dun aniversario que marcou un antes e un despois para o Camiño de Santiago, ata a súa dimensión e recoñecemento actual, como un dos itinerarios de peregrinación máis universais e que contribuíu decisivamente á protección e conservación do seu patrimonio e ao desenvolvemento socioeconómico da Comunidade.

‘O Camiño de Santiago debuxado’

A Consellería de Cultura e Turismo organiza tamén unha mostra na que se rende homenaxe ao itinerario francés como Patrimonio Mundial no Museo das Peregrinacións e de Santiago. Trátase de O Camiño de Santiago debuxado, na que o ilustrador gaditano Joaquín González Dorao recolle as súas vivencias nunha serie de ilustracións e acuarelas que conforman un libro de viaxe no que retrata o seu percorrido desde Roncesvalles a Compostela.

A mostra está inspirada no Códice Calixtino e baseada nunha publicación de Patito Editorial. Consta dunha selección de 25 pezas nas que reflicte as súas vivencias en distintos pobos e cidades polas que atravesa este itinerario xacobeo, que escollen seis de cada dez peregrinos que chegan a Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com