A oferta turística da Fonsagrada, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz chega ao mundo dixital

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves na presentación da páxina web terrasdeburon.es, creada polos concellos da Fonsagrada, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz para promocionar conxuntamente os seus recursos grazas aos fondos que recibiron do Plan Único da institución provincial.

O Presidente subliñou que traballar pola promoción do territorio “a través dun turismo sostible e de calidade xa era importante antes da pandemia, pero con esta crise sanitaria aínda o é máis. En primeiro lugar, para apoiar aos sectores económicos máis afectados polas restricións sanitarias, sobre todo o turismo, a hostalería e o comercio local, pero tamén é unha aposta de futuro para o rural porque a crise sanitaria fixo que o turismo de natureza, de montaña, como o que ofrece Terras de Burón, estea en alza. A xente busca actividades ao aire libre, sen aglomeracións, busca experiencias, e valora máis outro estilo de vida, lonxe das cidades, e máis cerca do campo”. Este modelo de turismo, asegurou José Tomé, “tamén é polo traballamos na Deputación de Lugo, un turismo de calidade, non masificado, sostible, de experiencias, na natureza e que pon en valor o patrimonio”.

O mandatario provincial asegurou que “a presencia con nome propio na web é unha ferramenta moi importante para promocionar conxuntamente a enorme riqueza patrimonial, os atractivos e os establecementos turísticos e hostaleiros dos concellos que conforman Terras de Burón”.

Tomé Roca felicitou aos alcaldes da Fonsagrada, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz por “esta aposta conxunta” por aproveitar o potencial turístico dos seus concellos. “Non hai como traballar da man para lograr obxectivos comúns máis ambiciosos dos que podemos acadar en solitario”, subliñou o Presidente, quen tamén destacou que o proxecto da páxina web sexa unha realidade grazas aos fondos do Plan Único da Deputación de Lugo, un instrumento de cooperación que, ademais de garantir a transparencia e o reparto xusto dos fondos, respecta a plena autonomía dos concellos para destinar os recursos económicos que reciben ás medidas que consideran máis necesarias e adecuadas para os seus municipios.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com