A oficina de turismo do Concello atendeu en xullo a máis de 5.300 persoas

Preto de 9.000 persoas pasaron en xullo pola oficina de turismo municipal e os museos da cidade. O centro de atención ós turistas da Praza do Campo atendeu a máis de 5.300 persoas, o que supón un aumento do 20% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Así o avanzou esta mañá a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen subliñou que “esta cifra supón un incremento de case un milleiro de visitas máis con respecto ao mes de xullo do 2014, o que consolida a Lugo como destino turístico”. O sábado 18 de xullo foi o día no que máis turistas se achegaron á Praza do Campo, un total de 329.

A Concelleira destacou que “o 20% dos visitantes procedían do estranxeiro, 1.071 persoas”. Os foráneos que máis visitaron a cidade no pasado mes de xullo foron os franceses, seguidos dos estadounidenses. Neste senso, Basadre subliñou o incremento de turistas procedentes de EE.UU. nos dous últimos anos. “A promoción do Arde Lvcvs na cidade de Nova York constituíu un reclamo e un feito moi importante para a chegada de visitantes estadounidenses á cidade”, sinalou.

En canto ao turismo nacional, “o número de visitantes volve a repuntar con respecto ao pasado ano”, tal e como deu a coñecer a edil. Os madrileños continúan estando á cabeza, incrementándose o número de turistas dende o pasado xullo; seguidos de andaluces, leoneses, cataláns e vascos.

A Oficina de Turismo rexistra a súa maior actividade os luns, martes e mércores, entre as 12:15 e as 13:30 horas, e de xoves a domingo, tamén ao mediodía. Nestas franxas achéganse á Praza do Campo o 35% dos visitantes. En canto á ocupación hoteleira, a Concelleira explicou que no mes de xullo superou o 80%, incrementándose as estancias nocturnas máis dun 2% con respecto ao mesmo período do 2014.

Polo que respecta aos museos, a Concelleira avanzou que recibiron preto de 3.500 persoas no mes de xullo, “o que significa que os nosos espazos expositivos espertan cada verán máis interese”, subliñou Basadre. A Casa dos Mosaicos segue a ser a máis visitada, con 1.275 persoas no mes de xullo, un 63% máis que o pasado ano; seguida do Centro de Interpretación da Muralla e da Domus Mitreo, con arredor dunhas 700 visitas cada instalación. Ao MIHL achegáronse unhas 335 persoas, 267 á Sala de Exposicións de Porta Miñá e 86 ao Centro Arqueolóxico de San Roque“.

Doutra banda, Carmen Basadre destacou a positiva resposta que están a recibir as andainas temáticas da terceira edición do programa de promoción turística Excursións Terras de Auga e Cultura, que recorren a zona rural do Concello e os municipios limítrofes.

“Ata a data celebráronse 18 excursións, nas que participaron case 400 persoas”, avanzou a edil, quen deu a coñecer os perfís dos participantes, dende xubilados a familias con nenos. “A maioría dos que acoden son de Lugo e do resto da provincia, así como de Coruña; aínda que tamén se inscribiron persoas de EE.UU. e Londres”, asegurou a Concelleira.

As viaxes, de caracter gratuíto, rematarán en decembro. Os interesados en participar nunha destas rutas aínda se poden anotar na Oficina Municipal de Turismo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com