A oposición critica que Méndez e Arroxo presentaran os orzamentos ante a prensa antes que ao resto da corporación

Continúan as críticas da oposición ao Goberno local da Cidade de Lugo por non presentar os orzamentos á corporación antes de facelo aos medios de comunicación. Se onte era o PP quen criticaba ao executivo de Lara Méndez, hoxe foi a voceira municipal de Cidadáns, Olga Louzao, quen respondía con dureza ante as acción de Lara Méndez e Rubén Arroxo, “pola total ausencia de talante democrático” ao presentar os orzamentos municipais sen ter facilitado con antelación este documento aos grupos da oposición. Louzao criticou a falta de diálogo e lealdade institucional que, nas súas palabras, evidencian “un desprezo absoluto” aos cidadáns lucenses que elixiron optar por outra opción política nas últimas eleccións.

Louzao sostén que o anuncio deste documento é unha “argucia propagandística” xa que moitas dos investimentos anunciados son proxectos xa incluídos en exercicios anteriores que contan con anos de atraso. “A súa estratexia pasa por facer parecer que se fai para ocultar o que non se fixo. A realidade é a que é, o pasado exercicio o bigoberno deixou sen executar o 85% do diñeiro orzamentado para investimentos. Este goberno adoita facer un uso promocional das contas xerais como así demostra que dos orzamentos do ano pasado executouse en investimento real tan só 15 céntimos de cada euro consignado como constata a documentación da conta xeral”, sinalou a voceira.

“Deste xeito o Goberno municipal anuncia de novo investimentos millonarios que probablemente sumaranse ás decenas de proxectos sen realizar como a humanización da praza Conde Fontao dotada o ano pasado con 230.000 euros da que nada se soubo, a implementación dos orzamentos participativos dotados con 400.000 euros que se quedaron en nada, a necesaria praia fluvial para a que se consignaron 250.000 euros e que unha e outra vez volven para adornar as contas xerais pero que segue sen comezarse, o edificio de coliving previsto para o barrio de O Carme, o desdobramento da avenida Duquesa de Lugo ou os 400.000 euros reservados para mellorar a praza de abastos dos que non se investiu nin un euro… poderiamos seguir así toda a mañá. A lista é interminable, pero a conclusión final é que este Goberno local non é de fiar e a súa credibilidade ante a cidadanía é nula malia que se empeñe en proxectar unha imaxe de solvencia e dinamismo”, concluíu.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com