A Ordenanza Cívica, un punto máis de desencontro no Concello de Lugo

Cada día costa máis atopar puntos en común entre a alcaldesa de Lugo e aqueles grupos que lle deron o apoio para a súa investidura. Se no último ano as tensións foron in crescendo na corporación pola “inacción” e “desidia” do goberno local que mantén á cidade paralizada, as cousas empeoran mes tras mes e pleno tras pleno, dificultando aos socialistas volver a recibir os apoios da esquerda nas vindeiras eleccións.

Se non bastaba con promesas incumpridas, accións ás espaldas da oposición, o nulo traballo nas materias de persoal ou economía e a negativa do goberno local a buscar consenso entre os demáis grupos, a rexedora presentou hoxe, en Comisión, un novo proxecto local que xa leva dando que falar un par de días e dará moito máis que falar nas vindeiras semanas. Trátase da, tan esperada, Ordenanza de Seguridade Cidadá (ou, Ordenanza Cívica).

Hai preto dun ano,  a titular do goberno local xunto co Inspector Xefe da policía local presentaban un borrador de documento no que estaban a traballar para librar a Lugo dos tan temidos okupas gorrillas, pero como nada é tan perfecto, dez meses despois dese anuncio, a alcaldesa leva a comisión este borrador para anunciar que “segue a traballar no contido da norma na busca dun consenso maioritario para a súa aprobación en Pleno”.

Aprobación que, os grupos da esquerda, xa rexeitaron por verlle un “afán recadatorio” a unha normativa que sanciona con ata 3.000 a unha persoa que pide na rúa, ou que “quita liberdades cidadáns” como durmir nun espazo público, ou utilizar unha cadeira de praia nunha zona verde. ACE-EU, BNG-AA e Lugonovo, tildaron de regresiva esta ordenanza e aseguraron que non deixa de ser unha “versión municipal da Lei Mordaza”.

Pola contra, a dereita  parece querer achegar posturas para sacar adiante esta normativa municipal, sempre e cando se cumpran certos parámetros que tanto Cidadáns como o Partido Popular, presentáronlle ao goberno socialista. Por unha banda, os populares piden retirar ou modificar certos puntos como a prohibición de tender a roupa en balcóns ou a regulación da prostitución en vivendas particulares; do mesmo xeito, Cidadáns pide, entre outras moitas cousas, que se fagan campañas de sensibilización para o fomento do civismo e da convivencia.

O certo é que nunca chove a gusto de todos, pero no Concello de Lugo este refrán vólvese máis real se cabe. Os socialistas perderon hai tempo a credibilidade da esquerda e a dereita nunca foi moi a favor dos ventos socialistas e, a un ano das eleccións, podemos augurar que a rexedora non ten moito tempo de limpar a imaxe do goberno, avanzar en todos os proxectos presentados e gañar apoios para volver a saír alcaldesa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com