A praia das Catedrais permanecerá pechada ao público o próximo 12 de agosto co obxectivo de garantir a seguridade das persoas que se acheguen a Ribadeo para presenciar o eclipse solar. A medida foi acordada no marco do dispositivo coordinado entre o Concello de Ribadeo e a Consellería de Medio Ambiente.
Segundo explicou o alcalde, Dani Vega, o acceso ao areal estará restrinxido durante esa xornada e tamén ata as 7:30 horas do 13 de agosto, polo que non se emitirán pases de acceso para esas datas. A observación do fenómeno trasladarase ao aparcamento público da praia, onde se instalará unha pantalla xigante para seguir o eclipse.
A retransmisión contará coas explicacións do profesor José Ángel Docobo, catedrático de Astronomía da Universidade de Santiago de Compostela e director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller. A actividade incluirá tamén información divulgativa sobre as Perseidas e as características do eclipse. A mesma programación poderá seguirse tamén en Lalín.
O rexedor destacou que Ribadeo será un dos puntos desde os que poderá observarse durante máis tempo o eclipse, cunha duración aproximada de un minuto e 45 segundos na fase de totalidade, circunstancia que, ao seu xuízo, converte o municipio nun lugar especialmente atractivo para seguir este acontecemento astronómico.
Vega lembrou que a praia das Catedrais é un espazo natural que recibe habitualmente miles de visitantes ao día, polo que considerou necesario establecer medidas específicas para garantir a seguridade e preservar a contorna durante un evento que podería concentrar unha elevada afluencia de público.
A organización do dispositivo foi abordada en reunións de coordinación entre o Concello, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, responsables territoriais da Consellería de Medio Ambiente, técnicos das distintas administracións e os corpos de seguridade. Segundo indicou o alcalde, o operativo pretende asegurar tanto o desenvolvemento da observación pública como a protección do enclave natural.
O Concello considera que a celebración do eclipse supón unha oportunidade para promocionar Ribadeo como punto de referencia para a observación deste fenómeno, ao tempo que insiste na importancia da colaboración institucional para garantir un desenvolvemento seguro da xornada.






