A propósito do día do Cancro de Mama

Cada ano no Estado Español detéctanse 26.000 novos casos de cancro de mama, vinte e seis mil mulleres a quen, nun minuto, o que tarda o médico en confirmarlles que os resultados de anatomía patolóxica deron positivo, lles cambiará para sempre a vida. O shock que lles producirá esa información será de tal magnitude que  a primeira reacción será, seguramente, non reaccionar. Ese intre onde todo se esborralla é o principio dun longo proceso de final incerto. Hospitais, operacións, quimioterapia, radioterapia ou as dúas combinadas serán as primeiras estacións desa viaxe á que seguirán outras, como a caída das cellas, das pestanas e o pelo.

De momento, o mellor método para combater a enfermidade, segundo todos os especialistas, é a prevención e para elo as campañas que cada ano se desenvolven para concienciar ás mulleres da necesidade de facer estas revisións periódicas é de vital importancia, e nunca mellor dito, xa que podemos estar a falar da vida dunha persoa se se detecta precozmente ou non un tumor.

Pero chámame moito a atención que nestes días de lazos rosas e actos heteroxéneos, onde multinacionais, mass media, famosos e políticos  saen á palestra para  transmitir estas mensaxes de tanta importancia, se cole tamén outra mensaxe, que unha actitude positiva ( hai que estar alegre e fermosa, aínda que por dentro che estea a abrasar a quimioterapia) é fundamental para vencer a enfermidade. Que sucede logo? Que cabe preguntarse? Que cando unha muller falece é porque non puxo todo da súa parte para curarse?

Ben farían moitas das multinacionais que apoian este día, algunhas delas con intereses no sector que se creou arredor da enfermidade, ou as que din destinar diñeiro para a investigación, que nos deixaran de envelenar cos produtos que nos venden, os mass media denunciar a quen contamina o medio ambiente, os famosos que se informen do que van transmitir  antes de chupar cámara medio minuto, e aos políticos que fagan presión para que se destinen máis recursos á investigación para curar esta terrible enfermidade.

Porque non se pode banalizar con algo que produce tanto sufrimento a tantas  persoas e a tantas familias, e as máis das veces, por desgraza, a morte.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com