A Protectora de Animais visita o CEIP Laverde Ruiz nunha xornada de concienciación en protección animal

Nada hai máis bonito que a relación entre un neno e o seu can. É unha unión que vai máis alá da amizade, rozando, sen ningunha dúbida posible, a irmandade. E, nestas datas de Nadal, nas que resulta tan bonito e agradecido agasallar unha mascota, cabe lembrar ás familias que os animais non son un agasallo que se poda esquecer nun rincón. Un can, un gato, un periquito, un peixe, unha tartaruga…, precisan uns coidados de por vida que, de seguro, coñecerán ben os máis de 300 alumnos e alumnas do CEIP Laverde Ruíz de Outeiro de Rei despois de recibir a visita de Jack, Pecas e Holly; tres cans adptados da Protectora de Animais e Plantas de Lugo cos que compartiron unha xornada de aprendizaxe centrada no coidado e a protección dos animais.

Elena e Mª Ángeles, voluntarias da protectora, explicaron ao alumnado todo o que hai que saber para coidar a unha mascota, a importancia dos chips de identificación e as principais necesidades da sociedade animalista.

Así, os pequenos aprenderon sobre os animais que viven na Protectora, todo o que precisan día a día tanto as mascotas para vivir como os voluntarios para poder dar a cans e gatos todos os coidados que reciben e as actividades que levan a cabo e a necesidade de cariño que teñen todos os animais acollidos polo centro.

Unha experiencia no cole moi enriquecedora e tenra que, sen dúbida, os alumnos do CEIP Laverde Ruíz, non esquecerán con facilidade.

A actividade, que serviu para concienciar ao alumnado da necesidade de coidar e respectar aos animais e ao medio, enmárcase no Plan Proxecta Protexe aos animais, promovido pola Xunta e no que participa o centro escolar.

Á volta das vacacións é probable que varias clases apadriñen un can. Dende todo o centro e para axudar aos animais da Protectora levouse a cabo unha existosa recollida de alimentos, mantas, correas, champús, xoguetes, golosinas… para os animais. Tanto é así, que, dende a Protectora, xa agradeceron, nun artigo, todo o esforzo feito por estes nenos que, gran a gran, están a cambiar o mundo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com