A provincia baixa dos 200 casos de covid nunha xornada cun descenso moi importante de positivos e un lixeiro aumento da presión asistencial

O pasado 21 de maio foi a última vez que a provincia de Lugo atopábase por baixo dos 200 casos activos de covid; en concreto 195. Pois ben, onte, case un mes despois a provincia volvíase recuperar e baixar dos 200, logo dunha semana enteira fixados nos 208 casos, e unha pequena suba na xornada do sábado. 

Así o revela o último informe do SERGAS, con datos recabados ata as 6 da tarde de onte, e que cifra en 199 os casos activos, moi por baixo dos 216 acadados durante o sábado. 

O certo é que esta baixada vén dada por un máis que significativo descenso de casos. E é que na última xornada o SERGAS tan só detectou 4 positivos, mentres que durante a fin de semana este baremo achegouse á vintena de positivos tanto o sábado coma o venres. 

Con todo, a estabilidade si se manten nas altas médicas. Nas últimas tres xornadas, venres, sábado e domingo, 48 persoas recuperáronse do virus, 21 delas no día de onte. No que vai de pandemia 12.622 persoas da provincia de Lugo poden dicir que xa se recuperaron da covid.

No tocante á presión asistencial, o pasado sábado quedaban libres de covid os hospitais comarcais, de Burela e Monforte, mentres que o HULA sumaba, entre UCI e Planta 4 persoas.  No día de onte subía lixeiramente a presión no HULA, que hoxe amencía con 4 pacientes en planta e 2 en UCI. 

E Galicia queda de novo libre de casos covid activos entre os usuarios das residencias de maiores logo de se confirmar que o único ancián que resultara positivo nas probas diagnósticas realizadas na residencia Nosa Señora do Carme de Sarria, era en realidade un falso positivo. Estas probas fixéranse no centro de maiores logo de que unha traballadora da quenda de noite resultara positivo en coronavirus.

E outra boa nova en torno á covid en Galicia, o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña destacou hoxe o bon funcionamento das probas piloto realizadas esta fin de semana en seis locais de ocio nocturno de toda Galicia. Un bo resultado que fundamenta a intención da Xunta de abrir este sector a partir do vindeiro 1 de xullo. Na provincia de Lugo foi o Pub Anagrama, na capital, o encargado de realizar a proba, cunhas estrictas medidas de seguridade e un aforo moi limitado, tan só 38 persoas. Asemade, no local, que abría ás súas portas en torno ás 9 da noite, os convidados deberían amosar unha proba PCR negativa. 

A este respecto, o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, confirmou un novo plan de axudas ao ocio nocturno e que conta cun orzamento total de 4 millóns de euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com