A rehabilitación do cuartel de San Fernando estará rematada no outono

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinaron esta tarde en Santiago o convenio de colaboración para levar a cabo a rehabilitación do edificio do antigo cuartel de San Fernando. A través deste documento, Concello e Xunta acordan achegar cada unha o 50% do orzamento, que ascende a 180.000 euros.

Unha sinatura que para a rexedora “é un paso na debida colaboración institucional” entre ambas administración, “que ten que dar moitos máis froitos, pois iso redundará na mellora da calidade de vida dos cidadáns e no desenvolvemento da nosa cidade, o que en definitiva nos move a todas as administracións públicas”. “Con ese obxectivo continuaremos traballando de forma decidida e constante dende o Goberno para materializar a implicación da Xunta nas cuestións pendentes no noso concello e que cumpra cos seus compromisos”, asegurou a rexedora. “Seguiremos reivindicando o proxecto para converter San Fernando no Museo da Romanización de Galicia, o que daría un pulo moi importante ao turismo cultural, non só en Lugo, senón en toda a comunidade, así como a dotación dos servizos pendentes no HULA, a construción da Ronda Leste, entre outras peticións.

Lara Méndez explicou que o Concello sacará de inmediato a licitación o proxecto técnico, redactado por Evislusa, para que as obras estean adxudicadas en marzo e poidan arrincar en abril, coa mellora das condicións meteorolóxicas, algo preciso debido á natureza das actuacións. Teñen un prazo de cinco meses, polo que estarán rematadas entre setembro e outubro. O 30 de novembro acabará o prazo para presentar a documentación xustificativa.

As actuacións fundamentais incluídas no proxecto consisten en asegurar a estrutura do edificio, arranxar a cuberta eliminando as filtracións de auga tanto nesta estrutura como no propio edificio, dotación de canles baixantes e conexión á rede de saneamento, e derribo e acondicionamento dos anexos traseiros non catalogados.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com