A candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco non conseguiu este luns o apoio necesario do Comité do Patrimonio Mundial, reunido en Busán (Corea do Sur), polo que será devolta a España para revisar e reforzar o expediente antes de volver sometelo á súa consideración.
A decisión chegou tras un intenso debate de preto de 45 minutos no que non se acadou o consenso suficiente para a súa inscrición. Finalmente, o Comité optou pola fórmula de referral, que permite reformular a candidatura sen ter que iniciar o proceso desde cero.
A proposta foi defendida por Perú, Tanzania e Ucraína, mentres que países como Suíza e Chequia apostaban por un deferral, unha opción máis estrita que obrigaría a presentar unha candidatura practicamente nova. Estas delegacións insistiron na necesidade de respectar os informes técnicos de Icomos, aínda que Chequia precisou que non cuestionaba os valores da Ribeira Sacra, senón o expediente presentado.
A resolución mantén viva a candidatura, que poderá volver ser avaliada unha vez incorporadas as melloras solicitadas polo Comité.
A Deputación de Lugo respecta a decisión da Unesco e reafirma que a Ribeira Sacra “será Patrimonio Mundial o ano que vén”
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, manifestou o seu respecto pola decisión do Comité do Patrimonio Mundial da Unesco de devolver a candidatura da Ribeira Sacra a España para reforzar o expediente, aínda que se mostrou convencida de que o territorio obterá o recoñecemento “o ano que vén”.
López asegurou que a resolución “non altera a esencia da candidatura nin diminúe o valor excepcional deste territorio” e defendeu que a Ribeira Sacra reúne todos os méritos para ser Patrimonio Mundial, destacando a súa paisaxe cultural, a viticultura heroica, os mosteiros e o seu patrimonio histórico e etnográfico.
A presidenta tamén puxo en valor o apoio recibido por parte de varios países durante o debate e garantiu que a Deputación seguirá colaborando co resto de administracións para fortalecer a candidatura. “Este non é o final do camiño. É un paso máis nun proxecto de longo percorrido que require unidade, perseveranza e traballo conxunto”, concluíu.






