A Subdelegación do Goberno advirte do perigo de difundir datos persoais e non protexer a intimidade na Rede

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, animou hoxe aos mozos lucenses a facer un uso seguro das redes sociais, protexendo sempre os seus datos e a súa intimidade e a denunciar calquera situación de abuso da que poidan ser vítimas. A subdelegada presidiu hoxe a entrega de carnets de ciberexpert@ a escolares do CEIP do Sagrado Corazón que asistiron a un curso de seguridade na rede impartido pola Policía Nacional. No acto participaron tamén o comisario xefe de operacións da Policía Nacional, Luis Miguel Romera, e o delegado de Participación Cidadá da Comisaría provincial, Rubén Darío Veiga, que foi o encargado de levar a cabo a actividade.

Isabel Rodríguez indicou aos escolares que “hoxe non podemos concebir a vida sen internet, que nos ofrece moitas facilidades e pon o mundo ao noso alcance, pero é fundamental facer un uso intelixente das novas tecnoloxías, aproveitar as redes sociais para relacionarse, para aprender cousas e para divertirse, sen caer nunca na trampa de renunciar á nosa privacidade”.

A subdelegada destacou que “é moi importante sensibilizar á mocidade dos riscos que supón o uso indebido das novas tecnoloxías para evitar que se convertan en vítimas dos cada vez máis numerosos ciberdelitos”. Con ese obxectivo, as forzas de seguridade do Estado imparten todos os cursos académicos charlas nos centros escolares da provincia dentro da programación do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e os seus contornos.

Rodríguez presidiu esta mañá a entrega dos carnets de ciberexpert@ a 33 escolares de 6º de Educación Primaria do CEIP do Sagrado Corazón que participaron nas catro sesións de un dos cursos impartido pola Policía Nacional.

Neste curso escolar xa se impartiron en Lugo tres cursos de ciberexpert@, con unha duración mínima de 5 horas, nos CEIP do Sagrado Corazón, Manuel Mallo Mallo e Albeiros. Para os próximos meses están programados outros tres cursos deste tipo no CPR A Milagrosa, CPR Salesianos e CEIP Quiroga Ballesteros. En total serán 180 os alumnos e alumnas de 6º de Educación Primaria que recibirán durante o curso escolar esta formación impartida pola Policía Nacional.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com