A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, realizou este venres unha visita institucional a dous hórreos representativos de Navia de Suarna, tras a recente declaración por parte do Consello de Ministros dos hórreos do norte da península ibérica como Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial.
Esta medida, impulsada polo Ministerio de Cultura, supón un avance na protección e valorización destas construcións tradicionais, recoñecendo tanto o seu valor arquitectónico como o seu significado cultural e social. Segundo se destacou durante a visita, os hórreos constitúen un elemento relevante na identidade en de Galicia e especialmentena provincia de Lugo.
No transcurso da xornada, Olimpia López sinalou a importancia destas estruturas como parte da paisaxe e da memoria colectiva, subliñando tamén o seu papel na conservación de saberes tradicionais e formas de vida asociadas ao medio rural.
A subdelegada estivo acompañada polo alcalde de Navia de Suarna, José Fernández, con quen visitou algúns horreos destacados desta tipoloxía construtiva na comarca dos Ancares.
Un deles foi o coñecido como Hórreo da Proba, unha construción con máis de dous séculos de antigüidade que combina pedra e madeira. Situado sobre o río Navia, destaca pola súa estrutura elevada sobre piares e pola súa localización xunto a unha ponte medieval.






