A subdelegada do Goberno recibe á nova directora provincial do SEPE

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, recibiu hoxe á nova directora provincial do Servizo Público de Emprego Estatal, Estefanía Pita Martínez. Isabel Rodríguez mantivo esta mañá a primeira reunión de traballo con Pita Martínez, que tomou posesión do seu cargo o día 12 de decembro. Logo de darlle a benvida e felicitala polo seu nomeamento, a subdelegada do Goberno pediulle o máximo compromiso e transparencia no desempeño da súa responsabilidade ao fronte do SEPE, un servizo que xestiona as prestacións que perciben 9.281 lucenses, con datos ao peche do mes de novembro.

Na xuntanza, Isabel Rodríguez e Estefanía Pita pasaron revista á evolución do desemprego na nosa provincia, que rematou o terceiro trimestre do ano cunha taxa de paro do 8,34%, dacordo coas estatísticas do INE. Tamén trataron sobre os importantes acordos en materia de emprego aprobados no último Consello de Ministros, no que o Goberno aprobou a maior suba do Salario Mínimo Interprofesional que se situará en 900 euros ao mes en 2019, ademais de autorizar ao SEPE a investir 350 millóns de euros en programas de formación.

A nova directora provincial do SEPE naceu en Merille (Ourol) en 1983. Licenciada en Dereito pola Universidade da Coruña, é funcionaria do Corpo Superior da Inspección de Traballo e Seguridade Social. Ata ser nomeada como responsable do SEPE na provincia de Lugo exercía como inspectora de traballo no País Vasco. Con anterioridade desempeñara o posto de inspectora de traballo en Las Palmas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com