A Xunta asegura que non introduciu cambios normativos que afecten aos campamentos do Arde Lucus

Na Delegación Territorial de Lugo producíase esta mañá unha xuntanza entre cargos da Xunta e representantes dunha vintena de asociacións que participan na festa de recreación histórica para disipar as dúbidas que puideran ter ao respecto das cuestións de competencia autonómica.

Por parte da Xunta participaron na reunión o delegado territorial de Lugo, Javier Arias xunto coa subdirectora xeral de Xogo e Espectáculos Públicos, Ana Otero, e técnicos do Servizo de Emerxencias; tamén asistiron o presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo, Cheché Real, e o secretario xeral técnico da Federación de Comercio,  Luís Fernández Díaz.

A Xunta insistiu en que non se produciron modificacións lexislativas que poidan afectar ás infraestruturas móbiles dos campamentos. Así, o Decreto 226/2022, publicado no DOG do 19 de xaneiro deste ano, que regula determinados aspectos dos espectáculos públicos, só fai referencia ás gradas e a carpas de máis de 50 metros cadrados, e co fin de adaptar dúas normas europeas aprobadas nos anos 2013 e 2016 que xa estaban en vigor.

No que respecta ao Decreto 172/2022, publicado no DOG o 6 de outubro pasado, sobre  medidas de autoprotección, a novidade radica en que rebaixa de 20.000 a 10.000 persoas o aforo que sería necesario para elaborar un plan de medidas de seguridade en actividades ao aire libre que non estean delimitadas, como é o caso.

De calquera xeito, este particular non inflúe na organización do Arde Lucus, que supera con creces calquera dos aforos citados e, polo tanto, xa debía contar con estas medidas. Enténdese que o Concello de Lugo, como administración competente, xa se adaptou ás normas que entraron en vigor en 2010, coa publicación do Decreto 171/210, do 1 de outubro, sobre plans de autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Xunta púxose a disposición do Concello de Lugo para colaborar e aclarar cuestións relativas á normativa autonómica, en aras de lograr que a estrea do Arde Lucus como Festa de Interese Turístico Internacional sexa todo un éxito.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com