" />

A Xunta formaliza o contrato de construción do CIS do Barrio da Residencia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de formalizar o contrato para a construción do centro integral de saúde (CIS) do barrio da Residencia, paso previo ao comezo das obras previsto para as próximas semanas. O proxecto sumará un investimento de 12 millóns de euros, dos que 11,4 destínanse a este contrato coa empresa Acciona e o resto a asistencias técnicas e outro tipo de custos asociados.

A intervención conta cun prazo máximo de execución de 20 meses e suporá o acondicionamento dos máis de 8.000 metros cadrados do antigo Hospital Materno Infantil, distribuídos en seis plantas. O inmoble albergará o centro de saúde, o PAC e servizo de urxencias, unha área de saúde mental e unha base para o 061. Ao tratase dun edificio protexido, respectarase a edificación orixinal limpando os volumes engadidos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou que “seguimos avanzando en todos os proxectos para o barrio, dando pasos firmes que nos achegan a ese novo futuro que queremos para os veciños e veciñas da Residencia e de toda a cidade”.

Neste sentido, lembrou que xa está rematada a demolición do antigo Hospital Xeral e apuntou que o vindeiro martes, día 21, terá lugar a recepción dos traballos por parte da Consellería de Infraestruturas, o trámite administrativo de comprobación e aceptación que pon fin á fase de derrubo. Nestes terreos construirase unha residencia da terceira idade.

Balseiro lembrou que a Xunta ten comprometidas outras dotacións na antiga parcela do Xeral, como unha nova oficina de emprego e formación, un centro de emprendemento aeronáutico e unha central de biomasa, que tamén se atopan en distintas fases de tramitación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo