A Xunta impulsa a formación de 225 lucenses sen traballo en empresas que terán que contratar como mínimo ao 40%

A Xunta de Galicia porá en marcha nas próximas semanas 15 unidades formativas en seis empresas lucenses para cualificar á carta a 225 persoas desempregadas. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, subliñou que a Consellería de Emprego e Igualdade inviste 896.800 euros nesta iniciativa, que financia ao 100% e que permite atender as demandas do tecido empresarial galego promovendo unha formación  adaptada e axustada ás súas necesidades.

As unidades formativas en empresas para desempregados e desempregadas inclúe por parte do tecido empresarial un compromiso de contratación de polo menos o 40% dos alumnos e alumnas que participen na medida; a Xunta apoiará ás compañías nas contratacións cando superen esa porcentaxe.

Na provincia de Lugo, empresas como Novafrigsa ou Greenalia Logistics asumen directamente a formación, mentres que noutros casos xestiónase a través de centros formativos homologados. Este programa, o primeiro do Estado que ofreceu formación á carta dirixido ás empresas, permitiu desde a súa posta en marcha en 2018 a cualificación especializada de preto de 12.500 persoas desempregadas no conxunto da comunidade, a través de 845 cursos e cun investimento que supera os 21,3 millóns de euros. Así, 5.000 alumnos e alumnas puideron obter un contrato de traballo ao finalizar a formación.

Á proposta das propias firmas deseñáronse 19 programas de formación á carta que foron aprobados polo Estado. Así, grazas á iniciativa da Xunta, haberá 19 novos itinerarios formativos axeitados ás necesidades produtivas que agora terán validez en toda España, que se suman aos 41 da anterior convocatoria. Deste xeito, esta iniciativa ten permitido a inclusión de 60 novas especialidades, a proposta do tecido empresarial galego, no catálogo formativo do Servizo Público de Emprego Estatal.

Xunto coas unidades formativas para desempregados, a Xunta tamén desenvolve un programa similar dirixido a traballadores. Nos dous casos ofrécese formación á carta, adaptada ás necesidades que require o mercado de traballo actual. As dúas iniciativas forman parte da Axenda 20 para o emprego, coa que a Xunta está impulsando unha inserción laboral de calidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com