A Xunta informa do Bono Social Eléctrico, a factura da luz e medidas de aforro

A Xunta de Galicia organizou hoxe en Lugo unha sesión informativa práctica sobre o Bono Social Eléctrico, a factura da luz e as medidas de eficiencia enerxética, en colaboración coa Asociación Provincial de Amas de Casa e Consumidores Lucus.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou nesta xornada na sede do colectivo lucense, e subliñou que “é imprescindible abordar medidas que garantan que todos os cidadáns poidan gozar deste subministro básico, o que está a ser unha prioridade para a Xunta de Galicia”.

Ao respecto, lembrou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria desenvolve unha liña de axudas complementarias ao bono social do Estado “para intentar evitar que se produzan cortes de subministración eléctrica nos fogares galegos”.

A Xunta foi a primeira autonomía en ofrecer esta liña de apoios, dirixida aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social. Este ano incrementáronse en 50 euros a contía das axudas para compensar o aumento nos límites de consumo permitidos pola regulación estatal; os apoios autonómicos, unidos aos estatais, permitirá que as familias con máis dificultades non teñan que pagar pola súa factura eléctrica.

Na xornada, organizada polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia, informouse tamén sobre os detalles da factura eléctrica e as medidas de aforro enerxético que poden adoptar os usuarios para diminuír os custos enerxéticos.

Balseiro agradeceu a colaboración da asociación Lucus e dos colectivos que están acollendo estas xornadas en distintos puntos da provincia, “que axudan a que a información chegue ás persoas interesadas”. Tamén se ofrece información sobre a materia nas páxinas web do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, así como nas oficinas da Delegación Territorial da Xunta en Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com