A Xunta insta ao Concello a responsabilizarse do mantemento das glorietas

A Xunta de Galicia pediu ao Concello de Lugo que non “eluda a súa responsabilidade” sobre o mantemento dos espazos axardinados nas glorietas de Paradai e As Gándaras que presentan unha situación de total abandono que motiva múltiples queixas da veciñanza e dos usuarios das vías.

A Xunta cuestiona “o veto político” que impide aos servizos municipais encargados do mantemento de parques e xardíns actuar nestes espazos a pesar dos evidentes inconvenientes que a proliferación incontrolada de vexetación provoca nas zonas verdes das glorietas.

Xa non só é unha cuestión de ornato para garantir a beleza e coidado dos espazos públicos dunha cidade como Lugo, capital de provincia e motor turístico, senón tamén para garantir a seguridade dos condutores, pois a vexetación incontrolada reduce a visibilidade da vía, nun espazo con tanto risco como son as interseccións, e supón un risco potencial en caso de incendio ou ante a posibilidade de acumular lixo.

A administración autonómica aclara que tanto a calzada como as infraestruturas de servizo da mesma, como é o caso das glorietas de Paradai, son de titularidade municipal desde abril de 2016, un argumento que non obedece á libre interpretación da Xunta, senón a un imperativo legal.

Así a normativa vixente, a Lei do Solo de Galicia, establece no seu apartado que naqueles casos nos que a administración local non resolva expresamente sobre a recepción das obras de urbanización, no prazo de tres meses a contar desde que se inste á recepción, bastará o ofrecemento formal de cesión das mesas pola administración responsable da execución, para que se entendan recibidas as obras.

Pero ademais, para reforzar este argumento, a Xunta lembra que o propio convenio de execución das obras de Paradai indica expresamente que o Concello comprometíase a asumir a conservación e mantemento da nova infraestrutura unha vez se finalizasen as obras, financiadas polo Goberno autonómico.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo