A Xunta inviste 6M€ en sectores produtivos e mellora de infraestruturas na Fonsagrada

A Xunta de Galicia investiu o pasado ano preto de 6 millóns de euros no municipio da Fonsagrada, en boa medida destinados a impulsar os sectores produtivos locais e tamén a mellorar infraestruturas e servizos.

Así o explicou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante unha visita ao monte Allonquiña, en Santa Marta de Allonca, onde destacou o esforzo inversor que está a realizar o Goberno galego no municipio que “practicamente dobra o orzamento total do que dispón o concello”. Con estas cifras, apuntou, “queda demostrado que a Xunta é a administración que máis inviste no concello”.

Balseiro subliñou que se trata na súa maioría de investimentos produtivos, que dan impulso ás explotacións agrarias (case 3,3 millóns de euros en axudas), pero tamén ao sector forestal, ás industrias de transformación ou ás empresas turísticas, que poden ser un importante activo para a economía local.

Neste sentido, detallou que se destinaron case 700.000 euros a proxectos de acondicionamento e aproveitamento da superficie forestal executados íntegra ou parcialmente en montes da Fonsagrada.

Igualmente, engadiu, “nunha clara aposta polo desenvolvemento de iniciativas empresariais ligadas aos recursos locais, o Goberno galego apoiou con 700.000 euros sete proxectos de negocio, relativos en xeral ao sector turístico e á industria alimentaria”.

No eido da creación de emprego, tamén cabe lembrar que o concello da Fonsagrada desenvolve un obradoiro de emprego xunto con outros dous concellos -cun orzamento global de 288.807 euros- e recibe 56.000 euros para a contratación de cinco traballadores desempregados perceptores da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) e un axente de desenvolvemento local.

Polo que respecta ás infraestruturas, a Xunta destinou 197.000 euros a obras como o acondicionamento dun punto limpo ou a mellora de camiños municipais e da ruta da seimeira de Vilagocende. Así mesmo, investiu 72.000 euros no ámbito educativo e cultural, tanto en obras de reforma do Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Santa María, como na ampliación dos fondos da biblioteca ou nun proxecto de xeolocalización e delimitación dos xacementos arqueolóxicos que comparte con outros seis concellos da contorna.

No eido social cabe destacar os 358.400 euros cos que a Xunta financia integramente o servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia. Por último, sinalou o delegado, a través do Fondo de Cooperación Local o concello recibe 381.400 euros que pode destinar a calquera obra ou servizo que estime prioritarios para os seus veciños e veciñas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com