" />

A Xunta presenta a guía de recursos fronte á Violencia de Xénero a colectivos e profesionais

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, reuníronse hoxe con colectivos e profesionais no ámbito da loita contra a violencia de xénero que traballan na provincia de Lugo para presentarlles a primeira guía de recursos existentes en Galicia fronte esta lacra.

Trátase dun documento pioneiro no que se recollen os equipamentos e recursos destinados a mulleres vítimas de violencia de xénero. Nel pódense consultar todos os servizos dispoñibles organizados por áreas (psicolóxica, social, sanitaria, xurídica, económica, laboral ou protocolos de actuación) que están tamén xeoreferenciados na páxina web da Xunta de Galicia, cun mapa de localización dispoñible na opción Eservizos: Servizos no mapa.

Esta guía pretende achegar información dos recursos existentes en Galicia no eido da violencia de xénero a calquera persoa ou entidade interesada, así como facilitar e axilizar o traballo das persoas profesionais que na nosa Comunidade acompañan e apoian ás mulleres que sofren violencia de xénero, concentrando nunha única ferramenta a descrición dos servizos e programas e os contactos das entidades que integran a rede galega de apoio a vítimas.

Así, entre outros recursos, recóllese a existencia de 82 CIMs noutros tantos concellos galegos, dos que 11 se atopan na provincia de Lugo; un centro de recuperación integral emprazado en Santiago de Compostela; centros de acollida e o teléfono 900 400 273 de carácter gratuíto e anónimo que funciona as 24 horas do día durante os 365 días do ano.

López Abella sostivo que o coñecemento dos recursos existentes a disposición das vítimas e das súas fillas e fillos “é clave para lograr un acceso igualitario aos mesmos e para mitigar, na medida da posible, as terribles situacións que a violencia de xénero orixina”.

Neste encontro, no que tamén estivo presente a subdirectora xeral da Xunta para o Tratamento da Violencia de Xénero, Belén Liste Lazara, participaron arredor dunha trintena de representantes de asociacións de mulleres, entidades de iniciativa social e centros de información ás mulleres (CIMs) da provincia de Lugo, entre outros colectivos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo