Abre o prazo de matrícula para o curso 2020/21 nas escolas infantís públicas autonómicas e naquelas con prazas concertadas

A Xunta de Galicia abre hoxe, 15 de maio, e ata o vindeiro día 29, ambos incluídos, o prazo de inscrición para o curso 2020/21 nas escolas infantís públicas autonómicas e nas prazas públicas concertadas en escolas infantís de iniciativa privada.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará hoxe as resolucións que rexen o procedemento para a solicitude e adxudicación destas prazas. Deste xeito, a Xunta procura diminuír a inquedanza das familias sobre o vindeiro curso nas escolas de 0 a 3 anos, á espera de que o Goberno central fixe uns criterios claros sobre os prazos e condicións para a reapertura destes centros.

A presentación das solicitudes realizarase preferentemente de maneira telemática a través dos formularios dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia. Con esta medida, trátase de evitar que as familias se teñan que desprazar nesta situación de emerxencia sanitaria.

No vindeiro curso haberá dúas grandes novidades. En primeiro lugar, este será o primeiro curso completo no que se aplique a gratuidade para segundos fillos e sucesivos na atención educativa. En segundo lugar, en cada unha das sete principais cidades de Galicia polo menos unha escola infantil pública autonómica (en Lugo como mínimo será a do Sagrado Corazón, como en anos anteriores) ampliará o seu horario de apertura ata as oito da tarde, co fin de mellorar a conciliación das familias.

Cómpre indicar que as prazas públicas da rede autonómica e as contratadas en escolas privadas compleméntanse coas prazas que a Xunta financia en escolas de iniciativa social e a través do Bono Concilia, así como coas que dependen dos concellos.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com