ACE acusa ao goberno municipal de incumprir repetidamente a normativa

O voceiro do grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida, Carlos Portomeñe, denunciou esta mañá en rolda de prensa, “o repetido incumprimento do regulamento municipal por parte do goberno local. Tódalas baterías de preguntas presentadas por ACE-EU dirixidas a membros do equipo de goberno para a súa resposta por escrito atópanse sen contestación e co prazo legal para facelo esgotado”.

O artigo 107 do Regulamento Orgánico Municipal do Pleno do Concello de Lugo (ROMP) establece que a contestación por escrito ás preguntas deberá realizarse dentro dos quince días seguintes á súa presentación no Rexistro do Pleno, prorrogables ata vinte días máis a petición do destinatario das mesmas.

ACE-EU rexistrara o 16 de setembro cuestións destinadas ao responsable de Deportes José Manuel Díaz Grandío a respecto das súas funcións como conselleiro do C.D. Lugo, e outras dúas solicitudes o 29 de setembro, unha sobre o servizo de Protección Civil trasladada á alcaldesa Lara Méndez e outra sobre o funcionamento centros sociais para a concelleira de Benestar Social, Ana María González Abelleira.

“Xa pasaron 33 días da primeira petición e 20 das outras dúas, e non recibimos ningunha noticia por parte dos receptores, nin petición de prórroga algunha. Os propios funcionarios do Concello, que trasladaron correctamente os documentos, amosáronse sorprendidos pola falta total de resposta”, sinalou Portomeñe. “A alcaldesa non se cansa de repetir que hai que ser estrictos na aplicación da norma e dos prazos obrigados, e en base a ese argumento impediunos a presentación das nosas proposicións para o pleno do 30 de xullo, sen embargo, parece que o propio goberno se considera eximido do seu cumprimento”.

“Outro exemplo de aplicación á carta da normativa por parte do goberno é que segue sen atender a solicitude de ACE-EU presentada o pasado 24 de xullo na Comisión Permanente na que se tratan os temas de urbanismo, de convidar á Asociación na Defensa do Parque Rosalía a participar en vindeiras convocatorias da devandita Comisión para aportar o seu coñecemento en todo o referente ás Torres do Garañón, en orde a cumprir a regra 4a do artigo 119 do ROMP, que dispón que se poden convocar ás Comisións ás asociacións e entidades locais para os efectos de escoitar o seu parecer ou recibir o seu informe respecto a un tema”.

“En agosto o goberno anunciara que coñeceríamos en setembro as súas propostas orzamentarias e de modificacións fiscais para 2016, e a día de hoxe tódolos grupos municipais seguimos sen coñecelas, e polo tanto sen ter posibilidade de presentar enmendas ás mesmas. A alcaldesa xa esgrimiu públicamente a excusa do “non da tempo” para non incluir os cambios propostos polos grupos da oposición, como o cobro do IBI á Igrexa, cando a realidade é que non fixeron os deberes cando tiñan que facelos”, esgrimiu o concelleiro de ACE-EU.

“Dende xuño, o goberno só chamou dúas veces a ACE-EU para manter unha reunión directa, a primeira vez coa alcaldesa e a segunda co seu xefe de gabinete, ambas antes do primeiro pleno ordinario de xullo, aínda que siguen presumindo de diálogo, polo que entendemos que consideran que xa non necesitan ou que non lles interesa a nosa cooperación”, explicou Carlos Portomeñe.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com