" />

ACE esixe un calendario de cumprimento dos acordos plenarios

O grupo municipal de ACE-EU esixe a creación e convocatoria inmediata da Comisión de Seguemento de Acordos Plenarios, aprobada en decembro do ano pasado, para a elaboración dun calendario consensuado entre tódolos grupos municipais de cumprimento dos mesmos. 

“Nesa comisión debemos facer a análise de tódolos acordos plenarios para agrupalos por temáticas e ordenalos por prioridades, e elaborar deste xeito un calendario lóxico e asumible que facilite o cumprimento de todos eles. Queremos que a propia alcaldesa participe na sesión e se comprometa con ese calendario. Esa é a condición que poñemos para darlle un voto de confianza ao executivo de Lara Méndez e volver así a participar nos Plenos con normalidade”, explica o voceiro de ACE-EU que onte abandonaba a sesión plenaria como un acto de “rebeldía democrática” ante o “incumprimento sistemático” dos acordos plenarios por parte do Goberno local.

Para ACE-EU, é prioritario avanzar nos expedientes de municipalización da grúa e a ORA, pór en marcha o equipo de inspección dos servizos municipais privatizados, a elaboración dunha nova Relación de Postos de Traballo e a convocatoria da Comisión de Planeamento e do Garañón para a solución dos maiores problemas urbanísticos da cidade.

“Todo isto son acordos plenarios acadados por maioría e mesmo por unanimidade que o Goberno local, que non supón nin un terzo da corporación, está a ignorar cunha manifesta actitude antidemocrática, coma se gobernase con maioría absoluta”, incidou Portomeñe.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo