ACE-EU advirte que a finais de mes caduca o contrato do servizo de xestión tributaria

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida advirte de que o vindeiro 1 de outubro caducará definitivamente e de xeito improrrogable o contrato coa empresa Tribugest S.A. por valor de 800.000 euros ao ano, en virtude do cal o Concello de Lugo ten parcialmente externalizada a xestión tributaria, sen que haxa noticias por parte do goberno local dunha nova licitación ou da municipalización integral deste servizo, a cal foi aprobada no Pleno o pasado febreiro a instancias de ACE- EU.

Deste xeito, segundo denuncia a formación, “este contrato engordará o pago de facturas con reparos de legalidade”, que ascenderían aproximadamente en 72.000 euros mensuais, sumándose á vintena de contratos caducados que xa acumula a administración municipal. ACE-EU considera urxente que se materialice o antes posible a municipalización integral da función recadatoria e inspectora dos tributos, xa que o actual contrato coa empresa Tribugest S.A. xenera unha preocupante inseguridade xurídica neste servizo.

En sendos informes do ano pasado da xefatura de Tesourería e da de Inspección xa se alertaba das sentenzas xudiciais contrarias a este tipo de contratos con empresas privadas para colaborar na xestión tributaria e dos problemas de inseguridade xurídica que acarrean, como a falta de fehacencia das notificacións ou a desprotección de datos de carácter reservado. A formación lembra como o pasado mes de xuño a Xunta de Goberno Local tivo que incoar un expediente sancionador á Tribugest por infracción moi grave, debido á realización dun envío masivo de preto de 10.000 cartas de pago sen a debida autorización da Tesourería Municipal e sen cumprir os requisitos legais de notificación do acto administrativo de recadación.

Deste xeito, os contribuíntes que efectuaron o pagamento da súa débeda respondendo a este requerimento enviado sen seguir o procedemento legal pagaron un 5% de recargo cobrado en exceso que o Concello tivo que devolver. De ter sido debidamente notificadas as providencias, o Concello tería dereito a cobrar o 10% de recargo, coa conseguinte perda para as arcas municipais.

ACE-EU cre que o goberno de Lara Méndez perdeu a oportunidade de dar un importante avance ao non incluir na súa proposta de modificación de crédito orzamentario unha partida para a adquisición dos medios informáticos e materiais necesarios para facer efectiva esta municipalización. “Este era sen dúbida un investimento urxente, dada a inminencia da extinción do actual contrato. Os cartos investidos serán ademáis de sobra amortizados polo aforro dos 800.000 euros anuais que supón o contrato privado e os tributos pasarán a repercutir íntegramente nas arcas municipais, pois o Concello xa non terá que pagarlle a maiores á empresa unha porcentaxe calculada sobre a cantidade recadada cada ano”, explica Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com