" />

Ace-Eu denuncia que o goberno “entorpece” o acceso dos grupos aos contratos menores

Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida (ACE-EU) esixe ao goberno local que volvan publicarse mensualmente os contratos menores no Perfil do Contratante da páxina web do Concello de Lugo, como se viña facendo ata o 9 de marzo deste ano, en aras da transparencia e tamén do propio cumprimento da legalidade.

A Lei de Contratos do Sector Público obriga no seu artigo 63, que regula o Perfil do Contratante, a publicar como mínimo trimestralmente a información relativa aos contratos menores, indicando como mínimo os seguintes datos: o seu obxecto, duración, o importe de adxudicación, incluido o Imposto Sobre o Valor Engadido (IVE), e a identidade do adxudicatario, ordenándose os contratos ademáis por identidade do adxudicatario. Tódalas grandes cidades de Galicia, menos Ourense, gobernada polo PP, teñen os contratos menores publicados no Perfil de Contratante conforme aos novos requisitos da Lei de Contratos, que dende hai tempo o goberno local sabía que ían cambiar, polo que non hai excusa válida para incumprilos unha vez esgotado o período de adaptación á Lei, que é de seis meses.

ACE-EU solicitou o pasado 2 de outubro o listado de contratos menores dende que se deixaron de publicar no Perfil do Contratante, e a día de hoxe aínda non lle foi concedido ao seu concelleiro, Carlos Portomeñe, o acceso ao listado con toda a información que a Lei de Contratos esixe que se debe poñer a disposición da cidadanía, incumprindo así tamén a lexislación en materia de transparencia, que establece 5 días hábiles para conceder a consulta de documentación solicitada por escrito por calquera membro da corporación municipal, aos que lles corresponde o acceso á mesma como parte do correcto desempeño da súa función pública.

“O goberno local leva oito meses incumprindo claramente a legalidade. Tanto a cidadanía como os cargos públicos escollidos para defender o interese xeral temos dereito a saber cales empresas executan as obras nos barrios e prestan os servizos, e a confirmar que non se están a utilizar os contratos menores como vía para a contratación discrecional. A opacidade non só é ilegal, senón tamén antidemocrática”, afirma Portomeñe.

ACE-EU considera que o retraso en cumprir as novas esixencias da Lei de Contratos en canto á información sobre contratos menores pode ter que ver coa obriga de agrupar os contratos por empresas adxudicatarias, pois así se “farían máis evidentes a ollos dos e das lucenses”, os empresarios recorrentes nas contratacións directas e o elevado montante total que reciben certas compañías sen pasar nunca por licitacións públicas. “Un exemplo é o de Construccións Sanle, investigada xudicialmente na Operación Pokémon por presuntas irregularidades nas adxudicacións recibidas por parte do Concello de Lugo, que ata xaneiro deste ano acumulaba 18 contratos menores por un importe total de 331.286,66 euros”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo