Ace-Eu urxe a realizar os estudos previos necesarios para recuperar o barrio do Carme

O Barrio do Carme é un punto privilexiado da cidade ao tempo que un dos máis sensibles, debido á alta concentración de importantes xacementos arqueolóxicos e a que por el transcorren os trazados da vía romana XIX e o do Camiño Primitivo. Por iso o grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida urxe a que antes de iniciar actuacións urbanísticas concretas na zona se realicen de xeito exhaustivo os cinco estudos previos necesarios aprobados no Pleno a iniciativa de ACE-EU: levantamento planimétrico pormenorizado que inclúa o trazado de todos os camiños que atravesan o Carme e os planos de todas as súas edificacións; estudio histórico, etnográfico e antropolóxico; estudio sociolóxico; estudio arqueolóxico e o estudo paisaxístico que identifique os elementos máis importantes conformadores da paisaxe dende todos os ámbitos, incluido o identitario.

“A correcta conservación do que xa temos debe ser o punto de partida na mellora e posta en valor de cada barrio, intervir nos mesmos non pode supoñer en ningún caso a destrucción do patrimonio existente, como xa aconteceu no pasado do noso municipio en demasiadas ocasións”, alerta Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU. “Agardamos que se realicen todos estes estudos, tal como se aprobou onte no Pleno grazas a unha emenda do noso grupo”, explicou o concelleiro.

Todos estes estudos solicitados por ACE-EU no Pleno son o paso previo ao desenvolvemento da ordenación urbanística do Barrio do Carme, que segundo o vixente Plan Xeral debe ser de iniciativa pública, seguindo o sistema de cooperación. O obxectivo para ACE-EU debe ser redactar un Plan Especial de Reforma Interior que permita a correcta recuperación da zona, de xeito racional e sostible.ACE-EU cre que debe convocarse un concurso público de proxectos de ordenación arquitectónica que teña en conta a especial complexidade do Barrio do Carme.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com