ACE propón a creación dun colexio público no cuartel de San Fernando

Alternativa Cidadá de Esquerdas comezou esta mañá a súa rolda de visitas polos colexios de Lugo. O primeiro que visitaron os compoñentes da candidatura foi o do Sagrado Corazón, para presentar a pais e nais as súas propostas en canto á mellora das infraestuturas educativas e infantís, nas que a plataforma ten constatado un importante déficit na cidade.

Por iso, unha das súas primeiras medidas no ámbito escolar será o impulso da construcción dun novo centro de ensino público no edificio do Antigo Cuartel de San Fernando, para dar servizo á zona centro da cidade, que na actualidade só conta cun colexio de carácter público, o de Quiroga Ballesteros.

ACE tamén ve necesaria a apertura doutra nova escola infantil pública, atendendo a criterios de equilibrio e cobertura xeográfica. Na mesma liña de paliar o déficit de infraestruturas para a poboación infantil que sofren moitas zonas da cidade, ACE creará novos parques de xogos en lugares como a Praza de San Marcos a Praza da Soedade ou a Praza Maior; e aproveitará as instalacións en desuso de áreas despoboadas como San Fiz ou o Polígono das Gándaras.

Para dar unha axeitada resposta á climatoloxía lucense, construiranse espazos cubertos de recreo infantil, para que os nenos e nenas tamén poidan disfrutar dos lugares públicos durante o inverno. Para garantir o bo estado de tódalas instalacións, ACE porá en marcha un Plan Plurianual de Investimentos e Mantemento dos Centros Educativos, no marco das competencias atribuídas ao Concello.

ACE tamén propón a posta en marcha dunha Escola Municipal para Pais e Nais, coa participación de docentes, orientadores, traballadores sociais e ANPAS do Concello de Lugo. Por outra parte, para dar resposta á diversidade familiar da actualidade, ACE introducirá coeficientes de deducción para as familias monoparentais, ademais dos das numerosas, nas ordenanzas fiscais, referidas aos presos das escolas infantís, da tarifa da auga, etc.

Estas medidas entroncan coa prioridade de Alternativa Cidadá de Esquerdas de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral. Unha das principais medidas neste senso é a creación dunha rede pública de traballadores e traballadoras cualificadas dedicada aos coidados infantís, de anciáns e persoas dependentes.

ACE propón tamén o uso dos centros educativos máis aló do horario e días lectivos, tendo en conta as necesidades sociais das familias hoxe en día. Os colexios abriránse para a realización de actividades pedagóxicas, lúdicas, deportivas e culturais; así como os seus comedores escolares en tempos vacacionais, para favorecer tamén a conciliación, ao tempo que se atende ás familias máis desfavorecidas.

Coa mesma finalidade, activaráse un servizo de almorzos madrugadores e outro de merenda escolar que os nenos e nenas das familias con menos recursos poderán levar para as súas casas, para garantir que fagan máis dunha comida ao día.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com