" />

Actividades dinamizadoras para conmemorar o Capón 2020 tras a suspensión da Feira

O Concello de Vilalba anunciou esta mañá unha estratexia de dinamización do sector do Capón tras a confirmación da cancelación da Feira deste ano, debido ao contexto sanitario actual, unha medida dolorosa pero tomada de común acordo cos criadores. A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro; a concelleira de Feiras e Mercados, Antía Rama, e a presidenta da Asociación de Criadores, Milagros Lozano, explicaron esta mañá en rolda de prensa os motivos da suspensión e as medidas destinadas a paliar os efectos da anulación da feira.

O Concello de Vilalba xa establecera contacto directo no mes de setembro con todos os criadores e criadoras para valorar a situación desta tempada. Nestas reunións, os criadores expuxeron que este ano había unha redución das pezas criadas dado o descenso esperado da demanda. Doutra banda, tamén se comentou que os protocolos sanitarios dificultarían o desenvolvemento normal da feira, perdendo o seu espírito, e que, dado que unha parte dos criadores son grupos de risco sanitario, sería complicado celebrar un evento con tanta afluencia de público.

Por estas razóns, o Concello de Vilalba viuse obrigado a suspender a tradicional Feira do Capón, unha das marcas de indentidade do municipio, cuxa celebración este ano estaría desvirtuada pola situación e os peches perimetrais por concellos, imposibilitando a chegada de visitantes. Porén, co obxectivo de protexer ós criadores, o goberno local porá en marcha  unha estratexia de dinamización do sector. Dunha banda, establecido o número de exemplares criados, regalaranse as caixas. Ademais, crearase na propia web do Concello de Vilalba un directorio con todos os criadores interesados para que a xente, veciños ou non do municipio, poidan comprar capóns telefonicamente ou online.

Respecto á promoción da iniciativa, o Concello de Vilalba anunciou a creación dun vídeo promocional que se distribuirá nas redes sociais e en medios de comunicación. Por último, elaborarase unha gravación con dous cociñeiros da hostalaría do municipio preparando receitas con capón, dando visibilidade tanto ao produto como aos locais colaboradores, quen tamén afrontan unha delicada situación por mor da pandemia.  “Foi unha decisión moi dolorosa, pola tradición e o que representa o capón para Vilalba; debido a esa importancia, o Concello de Vilalba continuará apoiando ós criadores para paliar os efectos da pandemia e da suspensión da feira”, explicou a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo