Adeus a Anxo Lamas Muinelo

Cando a parroquia de Bazar, a través do seu Centro cultural, quixo honrar a veciños destacados da parroquia, comezou polo seu máis coñecido artista, e nomeou –no 2009- a Anxo Lamas Muinelo “Veciño de honra”. Especial veciño de Bazar.

Para todos os que o coñecimos, era un entrañable amigo, entregado, xeneroso, sensible e forte; deixaba sempre moi claro que a capital do seu mundo era Castro de Rei, e que en Bazar radicaba un dos puntos máis sensibles desta terra na que naceu e á que volveu para reforzar raíces, e coller forza para espallar a súa arte polo mundo. Porque Anxo naceu artista –pintura, escultura, poesía…- e sábese que xa aos cinco anos, modelaba en barro figuras de pitiños que súa nai cocía no forno cando facía o pan…

A vida levouno fóra de Bazar, desaparecidos moi axiña seus pais, primeiro ao Seminario, logo ao Instituto de Lugo onde quizais por afinidade artística, foi amigo do músico e escritor Baldomero Iglesias Dobarrio e do poeta de Ponte Outeiro Xosé Otero Canto. Logo,  emigración en Francia… despois a Cataluña onde coñeceu a Dalí e se empapou da súa arte. E, por fin, a Bazar, principio e fin de todas as súas cousas.

E en Bazar, Arte con maiúsculas, e o seu taller sería (que o é) proba de intensa/extensa obra, se non souberamos que polo mundo adiante teñen vida propia máis de 10.000 obras de Anxo, moitas vendidas, moitísimas regaladas, que era xeneroso en extremo e os amigos tiñamos que decirlle que xa estaba ben de ser agasallados por el dun xeito garimoso interminable.

Anxo tiña a especial virtude de dar vida. A arte, de por sí, insufla vida especial aos materias que a soportan. Pero Anxo sabía que a madeira da nosa terra non debía morrer comida polo lume ou pola intemperie, e dedicouse a rescatar vellas madeiras de cangos, portas ou fiestras e salvalas da morte anunciada, e facelas soporte e esencia de pezas agora inmortais a circular polo mundo como mensaxe de ecoloxía, de natureza e de paz.

Nestas taboas Anxo honrou a persoeiros destacados de Castro de Rei e da Terra Chá, a escritores e artistas, e fixo doazón especial de obras a Xermolos e a Irmandade Manuel María, para mellor honrar á Chaira e aos Chairegos, taboas que no seu día han honrar a Casa do poeta Díaz Castro.

Despedimos hoxe a un artista, un amigo, un loitador… Sabíase invadido por unha enfermidade irreversible (despedímolo, precisamente o Día contra o Cancro), pero loitou con todas as súas forzas, co resultado de pequenas victorias cotiáns, que lle foron permitindo remontar moitas veces o curso do río da vida que (como dixo Jorge Manrique),  chegou ao mar para xa nunca máis morrer.

Descanse en paz o amigo loitador Anxo Lamas, sempre  na nosa lembranza, con obras espalladas por  todo mundo, con impacto en todos os que o coñecemos. Valuro senlleiro, chairego imperecedeiro, galego de vocación e de exercizo, Veciño de honra de Bazar. Ata vernos, Anxo!.

Na foto, Anxo Lamas nun cabodano de Manuel María, en Outeiro de Rei, entre Luis Veiga, de Bazar (á esquerda) e Iago Santalla (á dereita).

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Sandra Corbelle
    Feb 05, 2018 - 10:46 AM

    Moitas grazas Xulio por esas verbas adicadas ó noso tío Anxo. Sabedores éramos das suas amizades, as cales fixeron ben bonito un día triste. Grazas de corazón. El, onde queira que esté, seguirá pintando un mundo cheo de cor.

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com