Adxudicada a renovación da rede de abastecemento da Ronda de Fingoi por 182.100 euros

A Xunta de Goberno aprobou este mércores adxudicar unha nova obra de mellora das infraestruras da cidade, neste caso a renovación da rede de abastecemento da Ronda de Fingoi por importe de 182.100 euros. Segundo explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández, os traballos, cun prazo de execución de dous meses, afectarán á beirarúa dereita do treito comprendido entre as rúas Armórica e Pintor Corredoira.

Aproveitando as obras, o proxecto prevé a renovación da pavimentación existente entre Illa de Man e Pintor Corredoira, coa substitución da baldosa hidráulica co obxectivo de homoxeneizar a estética dos percorridos peonís. Coa adxudicación desta obra na Ronda de Fingoi, o Goberno leva adxudicado obras de pavimentación de rúas e mellora de infraestruturas por valor de máis de 2,2 millóns de euros.

Axudas

Na sesión de hoxe da Xunta de Goberno aprobouse así mesmo a concesión de axudas económicas por valor de 8.487 euros para a celebración das festas de Lume Novo nas parroquias e barrios do municipio. O importe da axuda por beneficiario é de 207 euros. Concedéronse subvencións a 41 solicitantes e denegáronse 4 por presentar a solicitude fóra de prazo -en tres dos casos- e por non xustificar a subvención do ano anterior –noutro-.

Resolución de contrato

Por outra banda, no marco do expediente de resolución dos contratos coa adxudicataria das obras de construción da biblioteca da Piringalla –Antalsis- e da empresa de asistencia técnica para a redacción do proxecto –GAU Arquitectura y Urbanismo-, incoado o día 12 de agosto debido ao incumprimento das súas obrigas contractuais-, a Xunta de Goberno deu hoxe un paso máis ao aprobar a remisión de dito expediente ao Consello Consultivo de Galicia para que emita un ditame, como é legalmente preceptivo cando hai oposición das adxudicatarias á resolución do contrato, segundo establece o artigo 109 do Regulamento Xeral da Lei de Contratos das Administracións Públicas. O Goberno confía en recibir o ditame do Consello Consultivo nun prazo máximo de tres meses.

Unha vez concluído o proceso de resolución dos contratos, o Concello retomará de inmediato as obras con outra empresa, da forma que indiquen os técnicos. “O que queremos e polo que traballaremos é por garantir a máxima calidade do edificio”, subliñou Miguel Fernández.

Licencias a empresas

Na Xunta de Goberno aprobouse a concesión de licencia para a construción dunha nave industrial de planta baixa para almacén de equipos auxiliares, ferramentas e maquinaria lixeira de obras de construción no parque empresarial das Gándaras. O Orzamento de 71.165,90 euros e o prazo de execución de 24 meses. Tamén se concedeu licencia para a ampliación dunha sala de despece e industria cárnica en Vilamoure-Santiago de Sáa, cun orzamento de 67.687,32 e prazo de execución de 12 meses.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com