Afundación da un ultimáto aos pais da gardería do Sagrado Corazón

Os pais dos nenos que están matriculados na gardería que Afundación ten no barrio do Sagrado Corazón están a recibir a través de burofax un ultimato para que non máis tarde do 22 de xuño – na práctica- nun día laborable, terán que decidir se aceptan as prazas que persoal de Afundación de ABANCA reservou en diversas gardarías lucenses.
Para moitos pais, ademais do problema polo cambio de gardaría e as consecuencias na adaptación e desenvolvemento dos pequenos, está o problema da situación, noutras zonas da cidade á que non poden acceder avós ou outros familiares que se ocupan de levar e recoller os nenos.
Á falta de respecto aos pais e aos menores que supuxo a decisión de comunicar o peche do centro a principios de xuño, coa matrícula xa formalizada e xa pechado o prazo para solicitar prazas nas gardarías públicas, súmase este novo ultimato que mostra ás claras falta de tacto da xerencia de Afundación, que na súa proposta reduce o problema a unha mera cuestión monetaria, sen comprender os problemas que supón para as familias recolocar aos menores.
A xerencia de Afundación, que segue sen ofrecer unha razón convincente para o repentino peche do centro máis alá da estratexia do seu plan quinquenal, péchase a atender a petición dos pais de manter o centro aberto, polo menos, un ano máis, para intentar encontrar unha xerencia externa, ben sexa privada ou pública que se faga cargo da gardaría. Os pais fan un chamamento para que se poña en contacto con eles, se existe algún interesado, xa que Afundación insiste en que non poñerían ningún obstáculo nin aluguer polas instalacións.
Asemade os pais piden acudir á concentración, que terá lugar o venres á oito da tarde en fronte á sede de ABANCA na Praza Maior, a todos os que estean en contra do desmantelamento da obra social das antigas caixas. En contra do peche dunha gardaría con máis de 30 anos de experiencia, modélica en canto a instalacións e funcionamento e pola defensa dos posto de traballo dos empregados da gardaría.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com