AGE súmase a manifestación en prol do sector leiteiro mañá en Compostela

Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) súmase á mobilización convocada polo sector leiteiro para mañá, venres, en Compostela, na demanda de prezos que cubran custos de produción e remuneren o traballo, garantía de recollida e mediación pública.

A eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, reitera que “nestes momentos, estamos a enfrontarnos a  unha crise especificamente provocada polo fin do control público da produción decidido dende a UE e que deixa en mans das grandes industrias o sector leiteiro”.

Dende AGEe subliñan unha vez máis que “se realmente se quere solucionar a crise na que se atopa o sector leiteiro galego e europeo temos que voltar a unha política leiteira pública que teña como base a regulación da produción e do mercado, prezos mínimos que cubran o traballo e os custos de produción, que priorice o mercado interno e asentada nun modelo de produción en base á terra e aos pastos”.

“É imprescindíbel que as institucións públicas asuman a súa responsabilidade e poñan en marcha políticas que garantan contratos xustos, que dean estabilidade ao sector asegurando prezos dignos e que remate ca chantaxe das industrias sobre as produtoras e produtores”, reivindica Senra, que estará mañá participando na manifestación. “A loita do sector leiteiro é tamén a loita por un medio rural vivo na Galiza, e aí temos que estar toda a sociedade galega”, concluiu Senra.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com