" />

Agromuralla: “Isto non é unha retirada, é un cambio de sentido e seguiremos loitando”

A partir das 16:30 horas de mañá venres, os gandeiros de Agromuralla arrincarán os seus tractores con destino ás súas explotacións e deixando libre a Ronda, tal e como viñan demandando nas últimas semanas diversos colectivos, sobre todo empresas, comerciantes e hostaleiros así como as administracións. O punto de inflexión foi a resolución ditada o pasado martes pola Subdelegación do Goberno, que obrigaba aos gandeiros a mover os tractores e colocalos nunha ringleira ocupando só un carril, pero sempre que ao mesmo tempo quedasen libres outros dous para a circulacións dos vehículos.

A partir dese momento a maquinaria de Agromuralla púxose a funcionar e onte a asociación celebraba unha asemblea decisiva, que comezaba ás tres da tarde e remataba pasadas as oito e na que unha maioría de gandeiros optou por poñer o punto e final á tractorada. “As medidas que tiñamos enriba da mesa eran moi complicadas” aseguraba un dos socios, Odón Castro, que engadía que recorrer a resolución da Subdelegación ante o TSXG “era inviable e non tiñamos ningunha posibilidade de seguir. Puxéronnos trabas por todos os lados, e non podemos facer nada contra a xente que está por riba de nos”.

Segundo explicaba Castro, os gandeiros interpretaron as esixencias da Subdelegación como “unha forma estratéxica e elaborada para darnos a opción de marchar amablemente” xa que “deixar dous carrís libres era unha alternativa absurda, porque máis do 50% da Ronda ten só dous carrís” de forma que con “deixar unha pequena zona cunha soa liña de tractores non íamos facer ningún tipo de presión”. Así, a resolución “ía enfocada a que non estivésemos máis tempo, e conseguírono, pero nós tamén nos demos conta e vámolo transmitir para que se vexa o aprecio que lle teñen ao sector primario en Galicia”, denunciaba o socio e gandeiro.

Odón Castro fixo unha primeira valoración da mobilización, que durou pouco máis dun mes, destacando como parte positiva a implicación dos produtores. “Estabamos unidos e tiñamos moito apoio dos granxeiros nuns momentos moi difíciles”, aseguraba, pero ao mesmo tempo lamenta que “ despois de estar loitando 35 días os resultados son negativos” na medida na que as administración “séguense pasando a pelota e facendo falsas promesas” ou incluso “tomando medidas que non favorecen ao sector á hora da verdade, ou que son a longo prazo, ou que non son as adecuadas nin favorables”. Desta maneira, responsabiliza directamente aos gobernos da situación que vive o sector lácteo manifestando que “é triste que non haxa máis implicación das administracións, que teñen na súa man o 80 ou 90% das posibilidades de que isto mellorara”.

Cambio de estratexia

O remate da tractorada non implica o fin das reivindicacións. Deixouno moi claro Odón Castro, que explicaba que “isto non é unha retirada, é un cambio de sentido” engadindo que “nós imos seguir loitando polo que empezamos, por mellorar o noso nivel de vida e as nosas empresas”. Anuncian que teñen unha serie de proxectos encamiñados “que estamos a punto de facer viables” e que “non imos parar de traballar para darlle vida ao sector dando un paso adiante”, contando cos gandeiros galegos e doutras comunidades “para facer algo grande”.

Agradecemento

Pola súa banda, a Subdelegación do Goberno confirmou que hoxe mesmo recibiu o escrito de Agromuralla desconvocando a concentración de tractores e informando tamén da celebración, mañá venres, ás 13 horas, dunha última xuntanza diante do edificio administrativo da Xunta así como da hora prevista para a marcha, as 16.30 h. O subdelegado, Ramón Carballo agradeceu a Agromuralla “o comportamento amosado durante os 35 días que permaneceron na cidade porque nese tempo non houbo constancia de ningún incidente en materia de seguridade cidadá, e en todo momento respectaron as indicacións que se lles ían dando dende os corpos de seguridade”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo