Agromuralla reclama á empresa da ITV e aos concellos evitar a supresión dos puntos móbiles habituais de inspección

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla pide á empresa Supervisión y Control SAU, concesionaria da ITV en Galicia, e aos distintos concellos “que busquen solucións para evitar a supresión dos emprazamentos habituais dos puntos móbiles de inspección“.

Segundo alerta Agromuralla, a entidade encargada da realización da ITV agrícola alega que as dimensións do novo camión que transporta a unidade móbil de inspección son maiores que o que viña prestando o servizo até o momento, polo que precisa dun espazo de maior tamaño (20×40 metros, medida similar a unha pista de fútbol sala) para instalarse, que a maiores debe ser unha superficie totalmente plana, o que fai que moitos dos emprazamentos ubicados até o de agora non sexan válidos.

A entidade que preside Roberto López indica que estes condicionantes fixeron que recentemente se suprimise no concello de Láncara un dos dous lugares nos que todos os anos se podía pasar a ITV, en concreto o da Reboleira, obrigando aos gandeiros desa zona a teren que desprazarse con toda a súa maquinaria ao outro dos puntos establecidos no municipio, supoñendo en moitos casos ter que percorrer distancias de máis de 10 quilómetros tanto cos tractores como co resto de aperos e maquinaria.

Agromuralla indica que esta mesma situación estase a producir en máis concellos tanto da provincia de Lugo como do resto de Galicia, polo que insta á empresa concesionaria da ITV e aos Concellos, responsables de facilitar as localización para ubicar o camión móbil da ITV agrícola, a atopar “ubicacións axeitadas que faciliten as inspeccións aos veciños e veciñas, tanto gandeiros en activo como xa xubilados”.

Agromuralla considera que “achegar o servizo de ITV aos usuarios é fundamental para garantir que a totalidade do parque de tractores e demais maquinaria agrícola está ao día en canto á obriga de efectuar as correspondentes revisións”, polo que “a eliminación dos puntos habituais de inspección provoca, en moitos casos, que sobre todo persoas maiores, xa xubiladas da actividade agraria, desistan de seguir pasando a ITV aos seus tractores, maquinaria e apeiros”.

143 mortos por accidente de tractor en Galicia desde o 2011

“Isto supón un risco engadido para a siniestralidade agraria, xa de por si moi elevada en Galicia, xa que o mantemento óptimo dos equipos e a actualización dos sistemas de seguridade é un aspecto fundamental para evitar accidentes”, sinala Roberto López.

Agromuralla lembra que a nosa comunidade é unha das que rexistra maiores cifras de siniestralidade agrícola, xa que, segundo os datos do 112, un total de 143 persoas perderon a vida en Galicia en accidentes de tractor desde o ano 2011 até agosto de 2019, o que equivale a un promedio de entre 15 e 20 mortos por ano.

A maioría dos sinistros non están considerados accidentes laborais, xa que non están relacionados con persoas en activo. Segundo os datos da Xunta de Galicia, o perfil das vítimas é o dunha persoa maior de 65 anos que está a realizar tarefas ou actividades agrícolas en fincas da súa propiedade. Os rexistros da Consellería de Economía, responsable do Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia (ISSGA), nos accidentes mortais de tractor que se producen na nosa comunidade máis do 95% das persoas falecidas non están afiliadas ao Réxime Especial Agrario, un terzo das mortes están causadas polo envorcamento do tractor e a media de idade das vítimas ronda os 70 anos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com