A asociación Agromuralla, que agrupa produtores de leite das provincias da Coruña e Lugo, viticultores da Ribeira Sacra e gandeiros de vacún de carne da provincia de Ourense, reclamou que se adopte con carácter de urxencia unha excepcionalidade legal que permita realizar tratamentos fitosanitarios con drons nas parcelas de millo afectadas polo verme soldado, unha praga que está a poñer en risco este cultivo en distintas zonas de Galicia. A entidade tamén solicita que se autorice esta técnica para aplicar tratamentos antigúnxicos nos viñedos da Ribeira Sacra, onde a elevada presión de mildeu, a complicada orografía e a avanzada idade de moitos viticultores dificultan os labores convencionais e ameazan a colleita deste ano.
Desde Agromuralla lembran que o millo constitúe a principal produción forraxeira das explotacións leiteiras galegas e resulta fundamental para garantir a alimentación do gando e a rendibilidade das granxas. Por iso, piden á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Agricultura que adopten de inmediato todas as medidas necesarias para frear os efectos da praga.
A presidenta da asociación, Noelia Rodríguez, explicou que as principais comarcas produtoras de leite de Lugo e A Coruña están a sufrir importantes ataques de vermes defoliadores pertencentes ás especies Spodoptera exigua e Mythimna unipuncta, capaces de destruír en poucos días parcelas enteiras debido á súa gran capacidade de alimentación. As altas temperaturas rexistradas este ano, pouco habituais para o mes de xuño, favoreceron a expansión da praga, que apareceu un mes antes do habitual e atopou o millo nunha fase inicial de crecemento, cando aínda presenta poucas follas.
Segundo denuncia Agromuralla, o control destas larvas require a aplicación inmediata de tratamentos insecticidas, pero en moitas fincas resulta imposible acceder co tractor e a maquinaria convencional, especialmente nas parcelas sementadas máis cedo, nas que o millo xa alcanzou un desenvolvemento considerable. Por este motivo, a asociación considera imprescindible permitir o uso de drons para realizar as aplicacións con todas as garantías legais e de seguridade.
Na actualidade, os drons poden empregarse na agricultura para a distribución de abonos foliares e bioestimulantes, pero non para tratamentos fitosanitarios. Aínda que a Xunta anunciou a súa intención de solicitar ao Ministerio cambios na regulación e de pedir á Unión Europea a autorización de determinados produtos para a súa aplicación aérea, Noelia Rodríguez considera que eses trámites son demasiado lentos e non ofrecen unha solución inmediata á situación actual. Por iso, insiste en que a vía máis rápida sería habilitar unha excepcionalidade temporal que permita actuar con urxencia.
Agromuralla subliña ademais que os vermes defoliadores non afectan unicamente ao millo, senón tamén a outros cultivos como a pataca, a horta ou a vide. En consecuencia, demanda que esta autorización excepcional para o uso de drons se estenda tamén a estas producións. A asociación insta á Administración a acelerar todos os procedementos necesarios para facilitar a aplicación dos tratamentos e advirte de que, se non se adoptan medidas inmediatas, Galicia podería sufrir graves perdas nas colleitas de millo, pataca e viño.






