Albarracín: “Hai que seguir pelexando, temos que ser un equipo gañador”

O extremo uruguaio do Club Deportivo Lugo, Nicolás Albarracín compareceu esta mañá ante os medios de comunicación nunha rolda de prensa na que amosou a súa ledicia polo seu debut e a vitoria do equipo albivermello o pasado venres ante o Real Zaragoza: “Víñame preparando para isto, tiña a confianza tanto dos meus compañeiros coma do adestrador. Por sorte saliu redondo: gañamos un partido moi duro e estamos moi felices”.

Albarracín tamén quixo analizar ante os medios a súa adaptación ao grupo, así como a racha actual de resultados do equipo. O extremo asegurou que no persoal síntese moi cómodo e que a recepción no equipo foi “da mellor maneira”. No tocante ao equipo, asegurou que se vai vendo o resultado do traballo e que se comezan a conseguir os obxectivos que non lograron nos primeiros encontros. “Eu sempre teño na cabeza unha clara intención de gañar e sentir que cando se gaña haise que acostumar. Hai que seguir pelexando polo mesmo, temos que ser un equipo gañador”.

Unha racha e unha adaptación, da que segundo afirmou Nicolás, teñen moita culpa os seus compañeiros aos que denominou “grandísimos xogadores, con moita calidade” o que facilita, segundo dixo, a entrada no equipo.

Unha das chaves da vitoria fronte ao Zaragoza, o balón parado, unha parte do xogo que segundo o xogador albivermello “se adestra todo tipo de pelota quieta. Hoxe por hoxe o fútbol, como nos demos de conta, definiuse nunha xogada directa. Adestrámolo moito, saliu perfecta, puidemos gañar o partido que era importantísimo aquí en casa e agora queda corrixir algúns erros, pero gañando, todo é mellor”.

En apenas un mes de competición o xogador uruguaio xa tivo tempo de afacerse á idea do tipo de xogo que despregan os equipos de LaLiga123, e  asegurou que o CD Lugo ten que seguir un camiño de humildade e seguir conseguindo vitorias.

A vindeira semana o equipo da capital lucense repite rival, o Real Zaragoza, para o partido de Copa, do que Nicolás afirmou que vai ser duro “no seu estadio” xa que teñen á súa afición, pero asegurou que o trunfo do Lugo virá da man de “estar concentrados e mentalizados”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com