" />

Ameijide: “Pola parálise de Méndez os lucenses non teremos, antes de marzo, nin orzamento nin rebaixas en impostos”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denunciou hoxe que Lara Méndez está a “agocharse” ao non asumir as súas competencias como alcaldesa a tan só seis meses das eleccións municipais. Antonio Ameijide explica que a rexedora está a “desatender” as súas funcións e puxo como exemplo que non se convoca o estado do debate do Concello, nin se convoca aos grupos da oposición para falar dos orzamentos nin se realizan numerosos trámites administrativos, quizais, segundo os populares, porque trala “debacle” socialista en Andalucía a rexedora agarda a ver que ocorre con Susana Díaz xa que se ve “reflectida” na mesma situación.

Antonio Ameijide destacou que a actitude de Lara Méndez “de agocharse coma un avestruz” o único que acredita e certifica que os lucenses “estamos ante os últimos estertores do PSOE en Lugo”. Neste senso, o voceiro popular opina que a xestión de Lara Méndez á fronte do Concello “é nefasta” o que redunda nun funcionamento “inadecuado” da administración, que só saca o traballo adiante “grazas á vontade dos traballadores municipais de manter en marcha a administración”. Por exemplo, seguen sen cubrirse as numerosas xefaturas de servizo que están vacantes, o que ten “moita incidencia” na parálise e no caos de persoal que se vive no Concello de Lugo.

Ademais, Antonio Ameijide afirma que Lara Méndez renunciou a modificar as ordenanzas fiscais e, noutros casos, a someter á aprobación do pleno a creación de novas ordenanzas, como pode ser a ordenanza de convivencia, xa que se trata “dunha alcaldesa secuestrada pola esquerda radical e os nacionalistas”, o que demostra que é unha alcaldesa “títere de dous de 25 concelleiros”.

No tocante ás ordenanzas fiscais hai que suliñar que “son imprescindibles para a elaboración dos orzamentos de ingresos” salientando que a competencia para aprobar o proxecto de ordenanzas corresponde á Xunta de Goberno Local pero ten que pasar varios trámites “como son remitilo á Comisión de Contas, elevalo a Pleno e publicación no BOP, así como contar cun período de 30 días para a presentación de reclamacións. Por todo isto á altura do ano no que nos atopamos é materialmente imposible que a súa aprobación se produza antes do mes de marzo “sendo moi optimistas”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo