Ana Vila Montero proposta polo Goberno para o premio Entre Mulleres

O BNG-AA aposta por Emilia Naveiras.

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, anunciou este martes a proposta do Goberno para o premio Entre Mulleres deste 2016, a cooperante lucense Ana Vila Montero, fundadora da ONG Axunica, que dende a súa creación, de forma legal no 1996, colabora principalmente co desenvolvemento económico de Nicaragua, aínda que dende o 1988 viña colaborando co pobo nicaraguano.

González Abelleira defendeu o labor de Vila Montero, que comezou en Axunica sendo relixiosa da Compañía de María, e que xunto a outras compañeiras impulsou o desenvolvemento social nas zonas campesiñas do rural do municipio nicaraguano de Granada. Vila abandonou a compañía pero non os proxectos sociais de Granada.

Neste senso, a edil fixo fincapé na traxectoria de Vila nesta asociación con sede en Lugo, que tras uns 30 anos continúa a traballar coordinadamente entre Galicia e Nicaragua, axudando no seu momento a crear os primeiros comedores infantís no rural xestionados por mulleres ou aulas de preescolar en Nicaragua. O traballo que realiza Axunica desenvólvese en catro municipios: Granada, Nandaime, Diriá e Masaya e fai referencia a proxectos de diversa natureza, que se engloban nas categorías de saúde, educación, social e infraestruturas.

Pola súa banda,  o BNG – Asembleas Abertas propuxo  concederlle este ano o premio, a título póstumo, a Emilia Naveiras. O BNG-AA presenta esta candidatura á vista da traxectoria desta muller que dedicou boa parte da súa vida á defensa de valores sociais e da igualdade. Ademais de todo o traballo desenvolto na súa faceta social, Emilia Naveiras foi unha muller adiantada ao seu tempo que apostou por iniciativas vencelladas á agricultura ecolóxica como xeito de vida alternativo e foi activa militante no sindicalismo agrario nacionalista. Emilia Naveiras finou no ano 2010. De momento son as dúas propostas que están riba da mesa, ás que se podería sumar algunha outra.

Os premios Entre Mulleres son concedidos polo Concello dentro dos actos do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. A entidade local entrega estes galardóns, que recoñecen o traballo feito por mulleres que dalgunha maneira contribuíron á defensa da igualdade, do feminismo e dos dereitos das mulleres, para reivindicar a igualdade de dereitos entre xéneros.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com