" />

Aparatoso accidente entre un camión e dúas furgonetas na A-6 en Outeiro de Rei

A A-6 rexistrou esta mañá unha forte colisión, na que se viron implicados un camión e dúas furgonetas e resultou ferida de carácter leve unha persoa.

O choque produciuse pasadas as nove desta mañá ao paso pola parroquia de Robra, en Outeiro de Rei. Así o explicaron as persoas que chamaron ao 112 Galicia para informar do accidente e solicitar asistencia para os posibles feridos. Finalmente, unha persoa necesitou atención sanitaria a causa das lesións de carácter leve que sufriu como consecuencia do impacto. Un golpe, por certo, que causou bastante alarma e fixo temer o peor entre os demais condutores.

Ademais, o sinistro provocou problemas na circulación, pois só hai habilitado un carril de paso mentres duran os traballos de limpeza da vía e retirada dos vehículos danados. Cómpre indicar que os vehículos ían cargados con diferentes mercancías, como é o caso do camión, que transportaba deterxente, e unha das furgonetas que levaba produtos de alimentación.

Tras recibir o 112 Galicia as chamadas de alerta activouse un operativo no que colaboraron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, axentes da Garda Civil de Tráfico e Bombeiros de Lugo e Vilalba. Do mesmo xeito, pasouse aviso ao persoal de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo