" />

Aprobado o protocolo da Xunta para o control do xabaril en zonas periurbanas

A Comisión de desenvolvemento do primeiro plan para o control da presenza do xabaril en zonas periurbanas e urbanas da cidade de Lugo aprobou, por unanimidade, o protocolo que recolle as distintas accións a desenvolver nas próximas semanas.

No encontro, presidido polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado da xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Margarita López, estaban tamén presentes representantes de distintos departamentos da administración autonómica (Medio Ambiente, Axencia Galega de Infraestruturas, Servizo de Emerxencias), do Concello de Lugo (Tenente de alcalde e Protección Civil), das Forzas e Corpos de Seguridade (Seprona, Garda Civil de Tráfico), sindicatos agrarios e integrantes dos Tecores.

Balseiro aclarou que a posta en marcha do plan retrasouse pola tardanza en acometer as rozas nas parcelas que os técnicos identificaron e localizaron nos planos das aforas da cidade como espazos de refuxio dos xabarís. “Se queremos que as medidas sexan efectivas necesitamos a implicación de todas as administracións, en particular do Concello”, dixo Balseiro, aos que incluso convidou a cofinanciar as accións propostas, “como por exemplo coa compra de novas gaiolas”.

Precisamente a instalación das gaiolas será a seguinte das medidas a executar, “nos próximos días, tan pronto contemos coas autorizacións de Concello e de Deputación, administracións propietarias das parcelas, procederemos a instalalas”. Colocaranse en lugares de paso desta especie “escollidos coa máxima discreción, porque de coñecerse as localizacións a presenza de curiosos pode escorrentar as manadas”

O protocolo tamén establece, como medida complementaria, a adoptar en función da efectividade das gaiolas, a posible utilización de arqueiros profesionais que se encargarán de realizar agardas nocturnas. O uso deste método de caza, moito máis seguro e rápido, evita o emprego de armas de fogo durante a noite e que os propios xabarís se dispersen cos disparos. Os arqueiros estarán apoiados polas forzas de seguridade para evitar problemas coa incursión de animais nas vías de comunicación.

Tanto a instalación das gaiolas como a posible organización das agardas contarán en todo momento coa supervisión e control de persoal da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Balseiro insiste na responsabilidade coa que a Xunta ten deseñado este protocolo, que terá un carácter experimental e piloto, xa que, unha vez probada a súa eficacia, podería estenderse a outros puntos da comunidade, onde teñen lugar incursións de xabarís en zonas urbanas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo