Arias subliña o “traballo constante da Xunta” na mellora da atención ás persoas maiores

A Xunta de Galicia realiza un traballo constante na mellora dos servizos públicos destinados ás persoas maiores ou en situación de dependencia, “de máxima colaboración cos concellos e superando o esforzo que lle corresponde, porque o Goberno do Estado non achega o 50% do orzamento que fixa a Lei de Dependencia”. Así o confirmou hoxe o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, logo de coñecer as esixencias da Deputación provincial, “que non se encamiñan na dirección axeitada para reclamar máis financiamento”.

Arias explicou que a Xunta está a asumir o 76% do orzamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cando a Lei de Dependencia recolle que o Estado debe participar coa metade do investimento. Pese a esta circunstancia, o Goberno galego “realiza un esforzo cada vez maior nesta materia, á que destina na provincia 18 millóns de euros”. O mes pasado reforzou o SAF en 30 municipios lucenses, os que acreditaban máis necesidade, elevando nun 13,5% as horas anuais de prestación. Outros concellos, pola contra, non utilizan todas as horas que teñen asignadas, como é o caso de Monforte de Lemos -que ten dispoñibles 570 horas, case o 9% do total-.

Ademais, durante a maior parte do pasado ano, e atendendo ás especiais circunstancias sanitarias, todos os concellos da provincia dispuxeron dun 65% máis de horas de SAF para distribuír entre a poboación. Arias lembrou que tanto os concellos como as Deputacións teñen competencias nos servizos sociais comunitarios básicos e específicos, “que, de feito, utilizaron en Lugo para implantar minirresidencias sen contar co criterio ou a planificación da Xunta”. Neste sentido, instou a que cada Administración se centre “en mellorar a súa propia xestión en beneficio dos veciños e veciñas da provincia”, e a traballar “con ánimo de cooperación”.

Na mesma liña, indicou que o Goberno galego aposta polo investimento en servizos sociais para continuar cos avances realizados nos últimos anos, nos que se conseguiu incrementar en Lugo en máis dun 40% as prazas públicas en residencias, triplicar practicamente as prazas en centros de día ou introducir novos modelos de asistencia como son as casas do maior.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com