" />

As festas, soños son

Hai trinta e seis anos, o día grande da festa, un titular de prensa proclamaba que se vivía “O máis triste San Froilán”. Os que andábamos coas festas a voltas pasaramos unha dura noite na casa do concello sabendo minuto a minuto como o Hortensia arrasaba sen piedade o feiral, tombaba árbores centenarias no parque, derrubaba un palco da música e deixábanos a sensación de ser o ensaio dun posible fin de mundo.

Pero dentro da traxedia, tiñamos infinitos pequenos motivos de ledicia, comezando pola grande nova de non ter sufrido danos humanos, tendo unha boa proba a uns pasos do concello, en plena rúa da Raíña, onde ao grande fotógrafo Juan José lle entrou unha uralita polo parabrisas do coche sen que tivera dano persoal algún.

Non recordo como triste aquel San Froilán no que Milladoiro se negou a cambiar de palco esixindo actuar onde o prohibirá o Hortensia, e houbo que poñer infinitos parches morais nas almas da festa. O espírito festeiro puido con todo. E tivemos “San Froilán”. E non resultou –non podía ser- triste.

Tampouco este debe selo. A pesar de que a pandemia é moito máis cruel, despiadada, que o desatado Hortensia, e impón restricións imposibles de salvar.

Levamos máis de medio ano substituíndo realidades da vida cotián por invencións audiovisuais, sabendo que nunca o virtual substituirá ao mundo real do que é un magnifico complemento.

Neste mundo virtual paliativo, imaxes e sons transmitidos por internet –San Froilán virtual- poden facernos vivir unha ilusión, poden cubrir medianamente as necesidades dos sentidos de vista e oído, pero non poderán contentar olfacto, gusto e tacto, tan conmovidos e favorecidos polas festas reais.

Un San Froilán sen barracas, casetas do polbo e multitudes perdéndose polas rúas, será outra cousa, valorando iso si os esforzos oficiais para que a ilusión se manteña. Será un San Froilán diferente, especial, ao que temos que aportarlle nós ilusión, maxia. Por nós e polos nosos, temos que sacar forzas de onde non as temos, e saber que estamos en festa, hai vida nos barrios, poderemos tomar viños na honra do patrón, e recibiremos amigos que non quixeron quedar na casa fóra de Lugo. E teremos a voz amiga de Tonina Gay, que nos chegará polas ondas da radio ou da Rede, para proclamar que vivimos un San Froilán diferente, pero igual de entrañable e querido.

Nas carencias da nenez, os maiores sempre nos animaban afirmando que o día de mañá todo tería solución; sería perfecto, Pois nós temos agora ese mesmo deber de contaxiar aos máis pequenos –e convencernos nós mesmos- que o día de mañá, quizais o ano que ven, todo será perfecto. En tanto, “soñemos, alma, soñemos”, que dixo Galdós do que se cumpre o centenario da súa morte. E desfrutemos, inventemos, a nosa propia festa.

Porque, parodiando a Calderón, toda a viña é un soño, e as festas soños son. Soñemos, vivamos un Feliz difícil San Froilán!.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo