" />

As rúas de Lugo colapsan pola “rodada postal” convocada por CCOO e UXT para denunciar o “despece” de Correos

Tanto os delegados de CCOO e UXT Correos, como o persoal da provincia de Lugo concentráronse nunha “rodada postal” con percorrido desde a Praza Conde de Fontao continuando pola rúa Castelao con incorporación á Rolda da Muralla e finalizando nun circuíto reivindicativo pola Rolda da Muralla que culminou nunha concentración diante da Subdelegación do Goberno, asolagando as rúas de vehículos, continuando co proceso de mobilizacións en todo o Estado que xa iniciaran coas concentracións de delegados durante o mes de abril, para esixir á Dirección de Correos, co seu presidente Juan Manuel Serrano á cabeza, que cesen “as políticas de despece do operador público” e reivindicaron un Modelo Postal Público sostible, eficaz, moderno e eficiente.

“O presidente de Correos, pola súa nefasta xestión e o errático liderado, está a levar á empresa a unha previsión de perdas económicas de ata 634 millóns de euros en 2023, segundo informe entregado ás OOSS o pasado 21 de xaneiro, mentres o resto de operadores europeos demostraron un crecemento económico debido á situación da pandemia e o auxe do comercio dixital”, explican os colectivos sindicais. Ademais, está a recortar emprego e empeorando a súa calidade (3.000 efectivos menos anuais, 36% de temporalidade, e 25% de emprego a tempo parcial en xeral, e un 75% na rede de oficinas, así como un 50% nos centros de clasificación e tratamento postal).

En Lugo, denuncian, está a implantarse progresivamente a xornada parcial de 4 h en postos estruturais de atención ao cliente, e xa se fixeron contratos eventuais de 5 h para cubrir postos de repartición en lugar da xornada completa; e está a reducir a rede postal pública mediante o peche de centros de traballo, oficinas e suprimindo postos de repartición rural (o último en Lugo foi no Corgo, que se suma aos anteriores na Pobra de Brollón, Vilalba, entre outros), minorando así a capacidade vertebradora e cohesionadora de Correos ao longo de todo o territorio. En definitiva, Juan Manuel Serrano está a levar a Correos en dirección contraria á construción de país, e á reversión da España Baleirada que o Goberno ten como un dos seus eixos estratéxicos.

CCOO e UXT esixiron ao Goberno, no seu requirimento de participación da empresa pública nos fondos europeos, que se siga a senda do resto de países da contorna europea que apoiaron sen ambaxes aos seus Operadores Postais, incorporando a Correos á axenda política do Goberno, determinando o seu carácter de servizo esencial para a cidadanía, tal e como se demostrou en plena pandemia. Igualmente esixiron que se considere o seu carácter estratéxico para un proxecto de transformación e modernización do país.

A primeira fase de mobilizacións que comezou no mes de abril coas concentracións de delegados, continúa con rodadas postais provinciais e durará ata finais de xuño, incluíndo concentracións provinciais e autonómicas, sen descartar paros parciais e convocatorias de folgas xerais. O obxectivo é dar a coñecer ás diferentes institucións, Concellos, Gobernos rexionais, etc., así como á opinión pública, cal é a situación de Correos, cara a onde queren dirixir ao operador público e o modelo de Servizo Público Postal que defenden CCOO e UXT. Continuarán as mobilizacións mentres a Dirección de Correos non pare a súa axenda de despezamento e ata convencer ao Goberno de que resitúe a Correos como proxecto de futuro do noso país. Os sindicatos xa están a apuntar a unha previsible folga xeral.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo