Asinado o convenio entre Concello e Deputación que permitirá abrir a residencia de Meira

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o Alcalde de Meira, Antonio de Dios, asinaron este xoves no Pazo de San Marcos o convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello, que suporá un investimento de 850.000 euros en tres anualidades, para a posta en marcha do Centro de Atención a Maiores (CAM) neste municipio. Deste xeito, rematan os trámites entre ambas administracións para a posta en marcha do funcionamento desta residencia e poder abrila de cara ao verán.

O CAM de Meira contará con 30 prazas de residencia, ampliables a 38 se fose preciso, e 20 de centro de día. Os vindeiros días abrirase un calendario administrativo para a solicitude de praza e que as persoas interesadas poidan presentar as súas instancias de solicitude.

Tomé Roca recordou que “ao igual que nos restantes centros de xestión provincial, no acceso ás prazas terán preferencia os veciños e veciñas deste municipio; en segundo termo, persoas dos concellos limítrofes ou da comarca; e logo os veciños do resto da provincia, o que permite
que as persoas maiores manteñan o arraigo, permanecendo no lugar ou na comarca na que viviron toda a vida”.

Así mesmo, a institución provincial ten licitado o equipamento deste centro por preto de 300.000€. Entre as melloras, os residentes contarán con camas de 105cm, fronte aos 90cm habituais noutros centros, e a incorporación de mobiliario exterior.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com